O CONCELLO INFORMA A VECIÑOS E COMERCIANTES SOBRE OS CAMBIOS EN ALCALDE FERREIRO E BUSCA CONSENSUAR MELLORAS NO NOVO PROXECTO PARA A RENOVACIÓN DAS BEIRARRÚAS

O CONCELLO INFORMA A VECIÑOS E COMERCIANTES SOBRE OS CAMBIOS EN ALCALDE FERREIRO E BUSCA CONSENSUAR MELLORAS NO NOVO PROXECTO PARA A RENOVACIÓN DAS BEIRARRÚAS
Luns 11 de Febreiro de 2019 - O Goberno levará ao Pleno deste mes a modificación de crédito necesaria para a redacción externa do novo proxecto no que se introducirán importantes melloras coas que executar unha reforma integral desta rúa. Na reunión de onte púxose sobre a mesa a posibilidade de acometer a ampliación das beiravías e suprimir unha das marxes de estacionamento para facer desta rúa un espazo urbano máis atractivo e accesible. Francisco Vilariño agradeceu o ton colaborativo no que transcorreu a xuntanza e fixo fincapé en que “estamos ante unha boa oportunidade para deseñar un novo proxecto que será moi beneficioso para a cidadanía”.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, mantivo onte unha reunión con veciños e comerciantes da rúa Alcalde Ferreiro na que se informou detalladamente aos asistentes dos cambios producidos na actuación inicial de arranxo proxectada para esta rúa tras detectárense unha serie de carencias no proxecto técnico que serviu para a súa adxudicación, en concreto, no referente á reconstrución das beirarrúas. Así, o concelleiro explicoulles aos presentes que “ante as carencias técnicas suscitadas nesta parte da actuación e a imposibilidade administrativa de de facer un modificado da iniciativa con garantías, o Concello e a empresa adxudicataria chegaron á decisión de rescindir de mutuo acordo o contrato para a reposición das beiravías. Así mesmo, grazas ás negociacións mantidas nos últimos días a resolución dese contrato farase sen indemnización para a adxudicataria e, polo tanto, sen custe para as arcas municipais e resultado. A xuntanza tamén tivo como finalidade informar de que esta obrigada variación nos plans iniciais servirá, precisamente, para converter esta circunstancia nunha oportunidade para replantexar e optimizar un proxecto co que o Goberno segue firmemente comprometido.

Porén, Francisco Vilariño xa anunciou que o Goberno levará ao Pleno deste mes a modificación de crédito necesaria para a redacción externa do novo proxecto no que se introducirán importantes melloras coas que conformar unha reforma integral desta rúa que, ademais de contemplar o arranxo das beiravías, incluirá a substitución e mellora das canalizacións e dos servizos. Así, no encontro buscouse consensuar cos veciños e comerciantes de Alcalde Ferreiro as mencionadas melloras a introducir. Entre elas, púxose sobre a mesa a posibilidade de acometer a ampliación das beiravías e suprimir unha das marxes de estacionamento para facer desta rúa un espazo urbano máis atractivo, accesible e humanizado. Non obstante, esta medida non quedou determinada e seguirase valorando nos próximos días a posibilidade de aplicala ou non.

O concelleiro de Obras tamén informou, por outra parte, de que a actuación que si se vai acometer de inmediato é a reposición completa do pavimento e o pintado da calzada. Esta parte do proxecto adxudicouse noutro paquete de actuacións e ten unha maior urxencia pois -como sinalou Vilariño- debido ao pésimo estado que presenta, “de ningún modo nos podemos permitir manter por máis tempo o firme desta estrada en tan malas condicións”. Con todo, o edil lembrou que previamente á dotación cunha nova capa de rodadura o asfalto actual vai ser fresado para que o nivel da estrada non aumente.

Por último, Francisco Vilariño agradeceu a presenza dos veciños e veciñas que participaron na xuntanza, así como o ton colaborativo e cordial no que transcorreu e fixo fincapé en que “estamos ante unha boa oportunidade para deseñar un novo proxecto consensuado coa cidadanía que sen lugar a dúbidas mellorará a actuación programada inicialmente e será moi beneficioso para o conxunto dos residentes e do comercio”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín