O CONCELLO INCREMENTA AS SUBVENCIÓNS A TODOS OS CLUBS DEPORTIVOS QUE PRESENTARON SOLICITUDE

O CONCELLO INCREMENTA AS SUBVENCIÓNS A TODOS OS CLUBS DEPORTIVOS QUE PRESENTARON SOLICITUDE
Mércores 9 de Novembro de 2016 - Medela e Casares puxeron de relevo o reforzo e a aposta que este ano realizou o Goberno local polo deporte base.

O Concello de Lalín vén de aprobar a adxudicación definitiva de subvencións municipais destinadas ao desenvolvemento e realización de actividades deportivas. En total destináronse a esta orde de axudas 70.000 euros, 10.000 máis que o ano pasado, resultando beneficiadas 16 entidades. Deste xeito, tal e como destacan os concelleiros delegados de Deportes, Miguel Medela e Nicolás González Casares, todos os clubs que presentaron debidamente a correspondente solicitude viron incrementadas as súas subvencións con respecto a anos precedentes, sendo varios os casos onde incluso se chegou a cubrir o 100% da cantidade demandada. Os ediles lamentaron, ao mesmo tempo, que algúns clubs non presentasen axeitadamente a documentación, así como que outros non formulasen a demanda, agardando que para anos vindeiros si que poidan optar a esta aportación económica.

Medela e Casares puxeron de relevo o reforzo e a aposta que este ano realizou o Goberno local polo deporte base, de tal xeito que, por vez primeira, se abriron dúas liñas de axuda: unha dotada con 50.000 euros para entidades que fomenten o deporte base e a integración social e outra dotada con 20.000 para outros clubs e actividades deportivas. “O noso obxectivo á hora de outorgar estas prestacións” -indicaron- “foi o de dar prioridade a aqueles clubs que fomentan e que manteñen unha estrutura de deporte base”. “Tamén tiveron un plus aquelas entidades con sección feminina e as que mostraron un destacado proxecto social e deportivo”, explicaron.

Acolléndose á modalidade de deporte base, o club que alcanzou unha maior puntuación foi o Club Balonmán Lalín, que recibirá 23.270 euros, un 15% máis que no 2015. Pola súa parte a Escola de Fútbol Lalín beneficiarase con 11.570 euros, chegando así á máxima cantidade. O Club de Rugby Lalín recibirá 7.507, fronte aos 7.050 da pasada tempada. Tamén incrementaron considerablemente a cantidade recibida con respecto ao 2015 o Club Basketdeza (4.192), ou o club Hípico Juan Oliveira (988). Escola de Xadrez Lalín obterá un lixeiro incremento, alcanzando os 1.098 euros, do mesmo xeito que a Escola de Atletismo Deza que recibirá 955, e o Club A Peniza (357), chegando nestes dous últimos casos á cantidade máxima da solicitada.

Acolléndose á subvención para outras entidades e clubs deportivos, o Club Deportivo Lalín obterá a mesma axuda que o ano pasado, un total de 11.495 euros. Pola súa banda a Escudaría Lalín-Deza pasa de 1.621 euros en 2015 a 2.991, e o Vilatuxe Fútbol Club de 564 a 1.487. Tamén recibirán unha subvención considerablemente maior o Club de Tenis de Lalín, que alcanza os 887 euros e Móvete na Moto que chega aos 760. Reciben esta axuda por vez primeira Méndez Competición (1.343), Club Sobre Rodas (591), e Arqueiros do Deza (388).

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín