O CONCELLO FINALIZARÁ AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DAS ANTIGAS VIVENDAS DO MANUEL RIVERO CUN INVESTIMENTO DE 160 MIL EUROS DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA 21

O CONCELLO FINALIZARÁ AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DAS ANTIGAS VIVENDAS DO MANUEL RIVERO CUN INVESTIMENTO DE 160 MIL EUROS DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA 21
Venres 9 de Novembro de 2018 - A intervención permitirá deixar as 6 vivendas do edificio nº5 en perfecto estado de habitabilidade para destinalas a fins sociais tan pronto como se rematen as obras. Casares e Fernández explicaron que paralelamente a este proxecto, o Concello de Lalín vai desenvolver os trámites necesarios para regular o uso das vivendas rehabilitadas.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, informan de que o Concello de Lalín xa conta co proxecto definitivo para acometer a finalización das obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres do colexio Manuel Rivero. Esta actuación enmárcase dentro do plan de recuperación social do barrio do Manuel Rivero incluído na estratexia europea cofinanciada nun 80% por FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020. A súa execución permitirá deixar as 6 vivendas do edificio nº5 en perfecto estado de habitabilidade para destinalas a fins sociais tan pronto como se rematen as obras. En total, o Concello conta cun orzamento duns 160 mil euros para acometer esta intervención, que xunto coas obras previas xa realizadas nestas edificacións, suman un total 192 mil euros de investimento na restauración das vivendas.

Esta actuación iniciouse cos traballos de consolidación para reparar as deficiencias estruturais dos inmobles. Posteriormente deu comezo a restauración propiamente dita das vivendas a través do obradoiro de emprego Rivero Social Lalín. Esta iniciativa serviu para acondicionar case por completo os dous pisos do segundo andar onde se instalaron elementos de carpintaría e incluso quedaron completamente rematados os baños e as cociñas. As vivendas do primeiro andar tamén quedaron nun avanzado estado de reparación, mentres que as do andar baixo apenas se rehabilitaron. Deste xeito, o actual proxecto, cuxo documento técnico foi elaborado polo arquitecto, Pablo Pol, permitirá acondicionar por completo as diferentes partes do edificio -incluídas as zonas comúns, as fachadas e os patios interiores- de maneira que as casas e o inmoble en si queden completamente listos e en plenas condicións de habitabilidade.

As fachadas serán restauradas e dotadas dunha nova capa de pintura que permitirá mellorar embelecer o seu estado exterior, moi deteriorado polo paso do tempo. O patio traseiro común tamén será acondicionado. En canto ás vivendas, levaranse a cabo as obras que quedan por executar tras as actuacións do obradoiro de emprego e que se corresponden en xeral coa colocación de carpinterías exteriores, coa disposición de mobiliario de cociña, sanitarios e radiadores, así como co arranxo dos balcóns e terrazas. Nas vivendas con menos índice de restauración tamén se executarán pavimentacións e carpinterías interiores, así como actuacións de pintado. Por outra banda, tamén se acondicionarán as cubertas, uns traballos que neste caso se estenderán ao edificio número 3.

González Casares e José Manuel Fernández informaron de que a licitación deste proxecto se levará a cabo en breve e será a seguinte que teña lugar dentro das múltiples iniciativas enmarcadas na estratexia Lalín Ssuma 21 que están en fase de tramitación. Segundo explicaron, paralelamente a este procedemento, o Concello de Lalín vai desenvolver os trámites necesarios para regular o uso das vivendas rehabilitadas, tales como as persoas ás que irán destinadas, as condicións de alugueiro, os prezos, o período de alugueiro e as modalidades de solicitude, co obxectivo de que tan pronto como terminen as obras de restauración as casas poidan ser ocupadas. Por outra banda, unhas das seis vivendas que se van restaurar quedará reservada para necesidades puntuais e posibles emerxencias sociais do Concello de Lalín.

Este proxecto enmárcase no Plan de Recuperación social do Barrio do Manuel Rivero, que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Desta maneira, esta zona sufrirá unha transformación que ademais de á cidadanía, beneficiará a diversos sectores que provocarán unha sinerxia positiva en todos os demais.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín