O CONCELLO FINALIZARÁ O PLAN DE ACCESIBILIDADE DE LALÍN CUN NOVO INVESTIMENTO DE 26 MIL EUROS NA MELLORA DE BEIRARRÚAS EN VARIOS PUNTOS DO CASCO URBANO

O CONCELLO FINALIZARÁ O PLAN DE ACCESIBILIDADE DE LALÍN CUN NOVO INVESTIMENTO DE 26 MIL EUROS NA MELLORA DE BEIRARRÚAS EN VARIOS PUNTOS DO CASCO URBANO
Martes 12 de Febreiro de 2019 - A intervención comezará dentro de dúas semanas e incluirá a execución de rebaixes naqueles pasos de peóns e entronques de vías onde existen escalóns, así como a corrección de afundimentos e desperfectos nas plataformas peonís. Francisco Vilariño insistiu “no compromiso político do Goberno para conseguir que Lalín se converta nun dos municipios máis accesibles de Galicia” e remarcou que “grazas ao gran traballo que se veu desenvolvendo durante este mandato , Lalín xa é un referente nesta materia”.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, vén de anunciar que o Concello de Lalín culminará o programa de accesibilidade elaborado en colaboración con Working Wheels e iniciado en 2017 coa posta en marcha dun novo proxecto para avanzar no obxectivo de converter Lalín na vila máis accesible de Galicia. Como informa o concelleiro a esta serie de traballos en aras de mellorar a accesibilidade destinaranse nesta nova e derradeira fase do mandato 26 mil euros procedentes do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra.

O edil explicou que a intervención comezará dentro de dúas semanas e que comprende accións concretas en máis de 10 puntos diferentes do casco urbano e das proximidades, que permitirán rebaixar as beirarrúas naqueles pasos de peóns e entronques de vías onde existen escalóns, así como corrixir os afundimentos e os desperfectos nas plataformas peonís para garantir que sexan accesibles para todas e todos. Existen varios puntos na vila que se foron dotando de beirarrúas conforme ían aumentando as edificacións, mais a falta nese momento de normativas sobre accesibilidade provocou que na actualidade as beiravías dalgunhas zonas incumpran os postulados vixentes sobre esta cuestión e presenten bordos rectos e carencias de ramplas de acceso. Así mesmo, o paso do tempo e o uso provocou que nalgúns treitos existan afundimentos e roturas que dificultan o tránsito e a a accesibilidade.

Porén, co obxecto de continuar mellorando a accesibilidade e facer que as beirarrúas se adapten á normativa, a actuación comprenderá a execución de diferentes accións de reparación que se levarán a cabo nas seguintes zonas: Avenida da Estación, ao longo da avenida do Montserrat, rúa Monte Faro no entronque coa rúa B, rúa Monte Faro co entroque coa Carlos Casares, rúa Monte faro na intersección coa Rolda Leste, Rolda Leste fronte ao colexio Manuel Rivero, Rolda Leste na zona do Centro Comercial Deza, rúa da Banda de Música de Lalín, ao longo da avenida de Donramiro e rúa do Chorón, onde se repoñerán por completo máis de 60 metros de beirarrúa.

O responsable de Obras do Concello de Lalín insistiu “no compromiso político do Goberno para conseguir que Lalín se converta no municipio da nosa categoría máis accesible de Galicia” e remarcou que “grazas ao gran traballo que se veu desenvolvendo durante todo este mandato tanto a través da brigada de obras, como mediante contratacións, Lalín xa é un referente nesta materia”. Nesta liña lembrou que nos últimos anos se acometeron máis dun cento de actuacións incluídas no programa elaborado co colectivo Working Wheels para mellorar a accesibilidade, á que agora se suma este novo proxecto e entre as que destacan algunhas obras como as acometidas nas rúas Areal e Ponte, así como o traballo diario da brigada de obras para eliminar barreiras arquitectónicas. Francisco Vilariño fixo fincapé en que “tal e como nos comprometemos, imos seguir traballando deste xeito ata o último minuto do mandato porque como veño dicindo, a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos”. Ao mesmo tempo engadiu que “a mellora da accesibilidade non só favorece ás persoas con discapacidade ou limitacións da mobilidade, senón que facilita o día a día e a convivencia de toda a poboación”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín