O CONCELLO ESTREARÁ A VINDEIRA FIN DE SEMANA O NOVO PARQUE INFANTIL DA CASA DA XUVENTUDE

O CONCELLO ESTREARÁ A VINDEIRA FIN DE SEMANA O NOVO PARQUE INFANTIL DA CASA DA XUVENTUDE
Martes 12 de Marzo de 2019 - Celia Alonso manifestou a súa satisfacción cos resultados dunha actuación que cualificou como moi necesaria para o desfrute integral dos nenos e nenas de Lalín e da que se van beneficiar a numerosos usuarios. A concelleira afirmou que esta iniciativa “permitirá seguirmos avanzando na aposta por unha vila máis humanizada e revitalizar unha área de lecer que presentaba múltiples carencias, entre elas de seguridade”.

A concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, realizou hoxe unha visita ás actuacións de mellora postas en marcha polo Concello de Lalín no parque infantil situado nas proximidades do parque da Casa da Xuventude. A concelleira sinalou que as obras avanzaron a moi bo ritmo, polo que se o tempo o permite, estarán rematadas durante a vindeira semana e a instalación quedará aberta ao uso xa durante a fin de semana. Celia Alonso manifestou a súa satisfacción cos resultados dunha actuación que cualificou como moi necesaria para o desfrute integral dos nenos e nenas de Lalín e da que se van beneficiar a numerosos usuarios posto que a infraestrutura dará servizo a un punto estratéxico da vila, no que conflúen varios centros educativos e diferentes instalacións deportivas e lúdicas moi empregadas por rapazas e rapaces de diferentes idades e onde de maneira habitual se desenvolven parte das actividades enmarcadas en iniciativas como os campamentos urbanos ou a escola de verán.

En esencia”, afirma a concelleira, “esta actuación permitirá seguirmos avanzando na aposta por unha vila máis humanizada e revitalizar unha área de lecer que presentaba múltiples carencias, entre elas de seguridade”. Por outra banda, lembra o éxito de iniciativas semellantes, como a desenvolvida na parte superior do parking Aldea Grande, que pasou de ser un espazo público sen uso a un lugar de ocio habitual e moi concorrido para rapaces e familias, ou o parque recentemente estreado na zona da corredoira”.

Ao obxecto de paliar todas estas carencias que sufría o parque, o Concello substituíu o antigo equipamento por outros xogos máis modernos, seguros e activos entre os que se atopan balancíns, un tobogán e dous columpios, dos cales, un é de pañal. Tamén se instalou un novo valado de madeira para delimitar a área infantil e cilocaranse carteis coas sinalizacións necesarias e teléfonos de utilidade para casos de emerxencia. Os únicos traballos que restan por realizar son os da reposición integral do pavimento do parque cunha nova superficie de caucho na que, ademais, se debuxarán xogos como a raiola.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín