O CONCELLO E ROTEIROS DE LALÍN ACOMETEN A SINALIZACIÓN PERMANENTE DA RUTA DAS FRAGAS DE CATASÓS

O CONCELLO E ROTEIROS DE LALÍN ACOMETEN A SINALIZACIÓN PERMANENTE DA RUTA DAS FRAGAS DE CATASÓS
Luns 1 de Outubro de 2018 - Trátase da terceira andaina que se marca de xeito permanente tras a da Ponte dos Cabalos e a do Monte do Carrio. A andaina trazouse con tres obxectivos principais: vencellar a vila de Lalín coas fragas de Catasós, divulgar os recursos culturais e turísticos da contorna e engadir outro motivo para a defensa e conservación da fraga de Casas Vellas.

O Concello de Lalín coa colaboración do grupo de voluntarios e voluntarias de Roteiros de Lalín e de Salvemos Catasós, acaba de dotar de sinaléctica permanente o roteiro das Fragas de Catasós. Os elementos colocados consisten nun panel informativo con todos os detalles e información de interese da andaina, 20 postes con sinais direccionais e 30 postes baixos co símbolo de Roteiros de Lalín que indican o camiño a seguir. Igualmente, confeccionouse un folleto informativo do percorrido e, coma sempre, a ruta figura na páxina web www.roteiros.lalin.gal da que se pode descargar o arquivo GPS para seguir o percorrido.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, desprazouse onte a Catasós para supervisar xunto con voluntarios e voluntarias de Roteiros de Lalín e da Plataforma Salvemos Catasós a consecución dos traballos de sinalización. Casares lembrou que esta é a terceira andaina que se marca de xeito permanente tras a da Ponte dos Cabalos e a do Monte do Carrio. Ademais, avanzou que proximamente se iniciarán as actuacións para sinalizar de maneira permanente o Roteiro dos Pazos. Deste xeito puxo en valor o traballo desenvolvido a través desta iniciativa, “que está servindo para que o noso municipio se converta nunha auténtica referencia no mundo do sendeirismo e que está dando a coñecer o noso inmenso patrimonio natural e patrimonial”.

Con esta actuación queda sinalizado permanentemente este percorrido de 16 quilómetros con saída e chegada na praza da igrexa de Lalín e que inclúe o paso por os lugares máis destacados en canto a patrimonio natural, arqueolóxico e monumental da parroquia de Catasós cun pequeno paso tamén pola de Moneixas no lugar de Regoufe. Entre os puntos de interese que a ruta permite visitar están a tumba romana do Alto de Vales, a fraga de Casas Vellas, o souto de Cardiego, o Castro e a Igrexa de Catasós, a fraga de Quiroga, os pazos de Quiroga e de Donfreán, e por último a igrexa de Lalín de Arriba. A estes atractivos hai que sumarlle tamén os muíños, hórreos e outros elementos de arquitectura popular que van aparecendo durante o roteiro, e algúns máis que están nas proximidades.

A andaina trazouse con tres obxectivos ou liñas principais. En primeiro lugar vencellar aínda máis á vila de Lalín coas fragas de Catasós. En segundo lugar divulgar e dinamizar os recursos culturais e turísticos da contorna. E en terceiro lugar engadir outro motivo máis para a defensa e conservación da fraga de Casas Vellas. A ruta transcorre principalmente por camiños tradicionais de uso veciñal e algún tramo de enlace por pista asfaltada. Igualmente recuperouse unha congostra antiga na parte superior da fraga de Quiroga o que supón reaperturar un acceso para ela que realza aínda máis se cabe a maxestuosidade deste Monumento Natural. Ademais, a ruta pasa moi preto das dúas tabernas existentes na parroquia de Catasós que poden ser parada para xantar ou punto de partida ou final da ruta.

Igualmente, este percorrido reflexa moi claramente que as fragas de Catasós deben considerarse unha unidade e ser dotadas de protección integral. A andaina vai ofrecendo unha sucesión de fragas e soutos como Casas Vellas, Cardiego, as Zancas, a fraga de Quiroga situadas ao sur do rego de Quintela. Só a fraga de Quiroga está protexida como Monumento Natural dende o ano 2000 pero a ruta deixa claro que estamos ante un espazo único de gran valor que debe preservarse na súa totalidade.

A idea é seguir traballando sobre este roteiro e integrar nel dous percorridos máis pequenos. Tamén se pensa en incorporar algún indicador na estrada N525 informando do acceso á ruta. Todo elo, en definitiva, co firme propósito de ir posicionando este percorrido como unha das andainas de referencia a nivel galego e como un activo que axude a dinamizar de xeito sostible as visitas turísticas a Lalín. O próximo domingo máis de 30 persoas reeditarán esta andaina na que se estrea a sinaléctica permanente.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín