O CONCELLO DOTA A SENDA PEONIL DA ROLDA LESTE DUNHA CAPA DE FORMIGÓN LISO PARA MELLORAR AS SÚAS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE

O CONCELLO DOTA A SENDA PEONIL DA ROLDA LESTE DUNHA CAPA DE FORMIGÓN LISO PARA MELLORAR AS SÚAS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE
Xoves 14 de Febreiro de 2019 - A actuación conta cun orzamento de máis de 46 mil euros e incrementará de xeito moi considerable as conexións peonís dunha zona de especial importancia para o tránsito a pé. Francisco Vilariño puxo de manifesto que a intervención nos permite seguir avanzando en materia de accesibilidade e seguridade viaria, eliminando barreiras arquitectónicas e favorecendo os desprazamentos a pé seguros.

O Concello de Lalín iniciou hoxe os traballos para dotar a senda peonil construída en 2017 no treito da Rolda Leste que vai dende a rotonda do Centro Comercial Deza ata a rotonda de Rodeiro dunha nova capa de pavimento conformado a base de formigón impreso. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou hoxe o inicio da actuación e explicou que este proxecto constitúe unha nova fase dentro dos traballos levados a cabo na mencionada senda peonil coa finalidade de incrementar as súas condicións en materia de accesibilidade. Vilariño lembrou que este treito da Rolda Leste presentaba a inicio de mandato un pavimento de terra en malas condicións, con fochancas, herbas, arbustos e maleza que dificultaba o paso de peóns. Posteriormente foi dotado a través da brigada de obras cunha capa de xabre para facelo máis accesible e, agora, proxectase a súa finalización cunha importante intervención mediante a que se lle aplicará á senda peonil un pavimento a base de formigón liso que a fará completamente accesible e que mellorará moito a mobilidade a pé por esta zona.

O concelleiro sinalou que a pesar das melloras que se conseguiron coa suministración de zahorra nesta beiravía, as súas características provocaban que continuase sendo unha zona de difícil tránsito para as persoas que deban dispor de elementos de accesibilidade. Por elo, o proxecto -que conta cun orzamento de 46.289 euros- busca a través da colocación dunha capa de formigón conseguir unha base lisa, sen ningunha imperfección e completamente accesible. A actuación permitirá, ademais, comunicar esta senda coa beirarrúa do colexio Xesús Golmar e coa da marxe esquerda en dirección ao casco urbano da rúa Areal.

Porén, en palabras do concelleiro, Francisco Vilariño, esta intervención ten unha importancia especial xa que mellorará de xeito moi considerable as conexións peonís dunha zona escolar, onde se sitúa o colexio Xesús Golmar, o IES Ramón Mª Aller e o Conservatorio, así como outras zonas deportivas, uníndoa coa zona de lecer formada polo paseo do Pontiñas, coa rúa Areal e sendo un punto de acceso empregado por moita xente para chegar ao Centro Comercial Deza.

Con esta obra crearase, pois, unha vía peonil totalmente accesible e de grande potencial, incluso para o paseo dos viandantes, servindo, ao mesmo tempo, de punto de unión entre varias zonas de especial importancia dentro vila”. Así mesmo, o edil puxo de manifesto que a obra nos permite seguir avanzando en materia de accesibilidade e seguridade viaria, eliminando barreiras arquitectónicas e permitindo os desprazamentos a pé seguros nestes espazos urbanos de enorme importancia dentro da cabeceira municipal. Francisco Vilariño lembrou que esta iniciativa tamén se enmarca dentro do ambicioso plan do Goberno local para lograr que Lalín se converta nun referente a nivel galego en materia de mobilidade e accesibilidade. O edil volveu lembrar que “a accesibilidade é un dereito de todos e recalcou que con este proxecto “se beneficia a toda a poboación, posto que se mellora a mobilidade viaria e se favorecendo o tránsito peonil seguro en zonas de especial importancia pola súa situación estratéxica no casco urbano”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín