O CONCELLO DE LALÍN SALIENTA A POSITIVA EVOLUCIÓN DO EMPREGO DURANTE ESTE MANDATO, CUNHA REDUCIÓN DO PARO REXISTRADO DE PRETO DO 28 POR CENTO

O CONCELLO DE LALÍN SALIENTA A POSITIVA EVOLUCIÓN DO EMPREGO DURANTE ESTE MANDATO, CUNHA REDUCIÓN DO PARO REXISTRADO DE PRETO DO 28 POR CENTO
Mércores 7 de Novembro de 2018 - Dende xuño de 2015 a xuño de 2018, Lalín foi o quinto municipio galego de máis de 20 mil habitantes cun maior descenso porcentual do paro rexistrado. Ao descenso de 457 desempregados súmase a tendencia á alza nas afiliacións á Seguridade Social, que se incrementaron nun 8,4 por cento. O Goberno lembra o investimento sen precedentes en políticas de promoción do emprego, malia non ter competencias directas na materia.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, salientaron esta mañá a máis que positiva tendencia experimentada polo emprego no que vai de mandato en Lalín, cunhas cifras incontestables que demostran a tendencia a franca tendencia recuperación do mercado laboral e, por extensión, da actividade económica e social no municipio. As cifras oficiais son moi reveladoras da importante mellora experimentada nos últimos anos. Así, entre xuño de 2015 e xuño de 2018, Lalín situouse como o quinto municipio galego de máis de 20 mil habitantes cunha maior redución porcentual do paro rexistrado. O número de demandantes de emprego nese período experimentou un descenso absoluto de 457 persoas, ao pasar de 1.635 a 1.178. En termos porcentuais, supón unha baixada de case un 28 por cento, o que sitúa a Lalín por enriba da media galega, da de calquera das grandes cidades de Galicia e da maioría dos municipios da mesma categoría.

Os datos son aínda máis significativos e relevantes cando se poñen en contexto co número de afiliacións á seguridade social, un factor que ilustra de maneira moi precisa a recuperación do mercado laboral. Neste eido, Lalín pasou de ter 6.796 afiliados en xuño de 2015 a 7.368 no mesmo mes do ano 2018. Estamos ante un incremento absoluto de 572 afiliados máis á seguridade social, o que representa un aumento porcentual de máis dun 8,4 por cento e coloca a Lalín dentro dos 10 municipios galegos de máis de 20 mil habitantes cunha maior suba. De maneira complementaria, cómpre salientar que tanto o aumento das afiliacións á seguridade social como o descenso do paro rexistrado continuaron coa ampliando a súa melloría nos tres últimos meses deste ano e que as cifras son aínda máis positivas se se poñen en relación co incremento da poboación en Lalín.

En calquera caso, Rafael Cuíña salienta que estes datos, “lonxe de conducirnos a un exercicio de triunfalismo, son un chamamento a unha maior responsabilidade e esforzo por parte do Concello”. “Que a evolución da situación laboral en Lalín sexa incontestablemente positiva”, apunta o rexedor, “non implica que debamos baixar a garda. Ao contrario: este escenario obríganos a redobrar esforzos, dentro das limitadas competencias que ten a administración local nesta materia, para apuntalar a situación e seguir incidindo de maneira directa na creación de postos de traballo e baixada do paro”. Rafael Cuíña recoñece que “estamos ante unha cuestión esencial para os milleiros de persoas que viven no noso pobo, que afecta directamente á súa calidade de vida e que tamén ten relación directa coa dinamización e o crecemento económico”. “Por iso”, engade, “seguiremos afondando na liña de traballo posta en marcha dende o inicio do mandato, porque unha soa persoa no paro sempre é un fracaso. Iso, por suposto, non quere dicir que non vexamos con certa satisfacción como a situación laboral vai dando importantes pasos de mellora en Lalín”.

Pola súa banda, o concelleiro de Emprego lembrou que o Concello de Lalín está a realizar neste ano un esforzo sen precedentes para fomentar a creación de emprego no municipio. En concreto, o Concello está previsto destinar en 2018 preto de 1,4 millóns de euros a diferentes plans e iniciativas (Plan Concellos, Risga, Obradoiro de Emprego, etc.) que permitirán a contratación de 150 persoas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín