O CONCELLO DE LALÍN SACA A CONCURSO A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A HUMANIZACIÓN E URBANIZACIÓN PARCIAL DA AVENIDA XOSÉ CUÍÑA

O CONCELLO DE LALÍN SACA A CONCURSO A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A HUMANIZACIÓN E URBANIZACIÓN PARCIAL DA AVENIDA XOSÉ CUÍÑA
Venres 9 de Novembro de 2018 - O orzamento de licitación ascende a preto de 40 mil euros, que se cofinanciarán nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 As propostas deben definir as medidas necesarias para eliminar a fenda de desconexión urbana que hoxe existe a ambos lados da vía. Os grandes obxectivos pasan por incrementar a seguridade viaria e a mellorar a accesibilidade e a mobilidade no ámbito de actuación coa construción de beiravías, carril bici e sendas de continuidade urbana. O ámbito concreto de actuación da iniciativa corresponde con ambas marxes da Avenida Xosé Cuíña entre a rotonda de Wily e o acceso ao centro comercial Pontiñas. O tenente de alcalde participou hoxe en Madrid nunha reunión das entidades que forman parte Rede de Iniciativas Urbanas centrada na xestión dos fondos DUSI.

O Concello de Lalín vén de sacar a concurso a redacción do proxecto de execución da obra de urbanización parcial da avenida Xosé Cuíña, unha actuación incluída nun dos obxectivos temáticos da estratexia Lalín Ssuma21 e que contempla entre as súas actuacións concretas a creación de pasarelas verdes de continuidade para dar solución á actual fenda que existe entre o casco urbano e as zonas próximas.

Neste caso, o principal obxectivo da proposta é transformar un treito da circunvalación nunha avenida de verdade, co conseguinte incremento da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade e a mobilidade no ámbito de actuación. Estes son os eixos principais que debe definir, a través de propostas concretas, a redacción dun proxecto que se saca a concurso cun orzamento de preto de 40 mil euros, e que ademais do deseño tamén inclúe a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das obras. A actuación desenvolverase dentro da estratexia DUSI, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.

O ámbito concreto de actuación da iniciativa corresponde con ambas marxes da Avenida Xosé Cuíña entre a rotonda de Wily e o acceso ao centro comercial Pontiñas. A actuación prevista consistirá en dotar a ese tramo viario das correspondentes infraestruturas que propicien a circulación peonil nas debidas condicións de seguridade nunha zona de importante densidade de vehículos. Asemade, tamén se propón incorporar as infraestruturas de servizo (rede de sumidoiros, electricidade, iluminación pública, telecomunicacións…) necesarias que permitan o futuro desenvolvemento coordinado do ámbito urbaístico do SUE-1.

Partindo desta base, o proxecto debe marcar as diferentes propostas para transformar Xosé Cuíña nunha avenida urbana humanizada e de calidade, con beirarrúas, carril bici e zona verde intermedia que permita aumentar a seguridade. Seguindo este modelo, tamén disporá de pasarelas de continuidade peonil que incrementen la seguridad a pé e que eviten, como acontece agora, que os transeúntes teñan que invadir a calzada nalgunhas zonas para cruzar dun lado a outro. Ademais tamén se propiciará unha mobilidade fluída nas conexións con puntos estratéxicos, como o Lalín Arena, o Concello, o Regueiriño, Donramiro ou o Pontiñas. Entre os criterios de adxudicación que se van ter en conta están a integración paisaxística, o deseño urbano e a mobilidade da proposta.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 28 de novembro para presentar as súas ofertas. Unha vez sexa adxudicada a redacción do proxecto e se asine o contrato, abrirase un prazo de dous meses para a súa elaboración. Inicialmente, e á espera das diferentes propostas, o custe desta actuación está calculado por técnicos municipais nuns 450.000 euros.

Rede de Iniciativas Urbanas e xestión do DUSI

Por outra banda, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, participou hoxe en Madrid nunha nova reunión da Rede de Iniciativas Urbanas. Nesta ocasión, a xornada estivo centrada de maneira específica na xestión dos fondos e dos proxectos que se van financiar con cargo ás estratexias DUSI.

A RIU é un organismo aberto do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas que se configura como un mecanismo de coordinación, impulso e xestión das actuacións en materia urbana cofinanciadas por fondos europeos FEDER, como é a estratexia Lalín Ssuma 21. A Rede de Iniciativas Urbanas constitúe un instrumento esencial para poder incorporar a necesaria dimensión urbana na xestión e programación dos fondos europeos, e configúrase como un foro aberto de intercambio de experiencias e boas prácticas que recibiran finamento comunitario. Ao mesmo tempo, tamén serve para analizar e dar resposta aos posibles problemas e aclarar as dúbidas suscitadas pola aplicación da normativa en materia de fondos europeos destinados ao desenvolvemento urbano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín