O CONCELLO DE LALÍN SACA A CONCURSO AS OBRAS DE REFORMA DA PARTE SUPERIOR DA PRAZA DE ABASTOS

O CONCELLO DE LALÍN SACA A CONCURSO AS OBRAS DE REFORMA DA PARTE SUPERIOR DA PRAZA DE ABASTOS
Luns 8 de Outubro de 2018 - As empresas interesadas en concorrer a este procedemento poderán presentar ofertas ata o vindeiro 24 de outubro. Cuíña e Fernández explican que o proxecto de remodelación permitirá renovar estética e funcionalmente a planta superior do mercado para relanzar a súa actividade e convertelo nun polo de atracción comercial para Lalín e a comarca. O Goberno consensuou cos praceiros unha iniciativa que pretende dar resposta ás súas demandas e que suporá unha substancial mellora no aspecto e a calidade das instalacións.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Comercio e Emprego, José Manuel Fernández, anunciaron esta mañá que o Concello de Lalín vén de sacar a contratación as obras para o acondicionamento interior e modernización da parte superior da praza de Abastos de Lalín. As empresas interesadas teñen a partir de hoxe un prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas a este procedemento, que sae cun orzamento máximo de licitación de 86.361,54 euros. Unha vez conclúa este período, está previsto que as propostas se poidan empezar a valorar na última semana deste mes de outubro, co obxectivo de que as actuacións poidan estar adxudicadas a principios de novembro.

Tal e como explican Rafael Cuíña e José Manuel Fernández, coa apertura deste proceso, o Goberno de Lalín segue avanzar nos compromisos adquiridos cos praceiros para revitalizar este espazo comercial e convertelo nun dos motores do impulso social e económico da vila. O rexedor e o edil lembran que o procecto foi desenvolvido en base ás necesidades aportadas polos membros da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Lalín, con quen dende a concellería de Comercio se estivo a traballar en estreita colaboración para deseñar as actuacións necesarias para conseguir relanzar a súa actividade e converter o mercado nun polo de atracción do espazo urbano de Lalín e a súa contorna.

A decisión de levar a cabo esta iniciativa derívase do estado de deterioro que presenta o edificio no seu interior, o que fai necesario a súa reforma e a renovación dos postos de venda centrais da praza. Ao mesmo tempo, e ao obxecto de desenvolver unha actuación integral que englobe tamén á parte baixa, o Concello tamén licitacitará a redacción do proxecto para o acondicionamento da parte baixa do mercado.

O proxecto

Polo miúdo, o proxecto que hoxe se saca a concurso contempla as seguintes actuacións:

  1. Redistribución e renovación dos acabados dos postos comerciais existentes no centro da praza.

  2. Mellora do aspecto interior da praza, dos seus elementos decorativos e acabados.

  3. Mellora do pavimento da parte Este do edificio.

  4. Dotación de instalacións de electricidade, fontanería e saneamento para os postos comerciais que se renoven.

  5. Acondicionamento estético interior e homoxeneización de acabados nos postos comerciais existentes.

  6. Instalación dun panel expositor informativo.

  7. Colocación dunha persiana metálica para poder independizar a zona de acceso e escaleiras da ala lateral comercial existente.

Así, un dos punto máis destacados do proxecto radica na substitución dos actuais postos comerciais do centro do mercado, realizados en chapa de aceiro, por outros novos, construídos mediante ladrillo cerámico e revestido mediante un alicatado de gres branco, que lle conferirán unha maior vistosidade e elegancia. Estes postos tamén se dotarán dunha pérgola decorativa en madeira, de mostradores e das correspondentes estantarías expositoras de produtos. Con estas obras mellorarase substancialmente a estética do conxunto da praza e redistribuiríanse os espazos en seis novos postos comerciais individuais de dimensións, superficies, materiais e dotacións necesarias para que resulten máis atractivos para os futuros usuarios e para o público en xeral.

Por outra banda, o proxecto propón a colocación dun novo acabado decorativo na parte superior dos paramentos existentes, incluídos os dos accesos e as escaleiras, mediante a instalación de taboleiros ornamentais que lle darán maior protagonismo ao espazo interior ao contrastar estes novos materiais de revestimento decorativo cos existentes.

A actuación tamén leva consigo a renovación integral do pavimento de cemento existente debido ao seu defectuoso estado de conservación, que dificulta de forma importante as labores de limpeza do mesmo. A intervención levarase a cabo mediante a aplicación dun morteiro de alta resistencia e compresión realizado unha preparación previa do soporte. Proponse tamén o pintado das perdes interiores da zona de acceso e escaleiras e entre os actuais postos cunha pintura plástica en cor a definir, coa finalidade de mellorar a estética destes espazos e homoxeneizar o seu acabado. O teito do edificio tamén será repintado na súa parte interior previa reparación dos defectos de acabado que presenta actualmente.

En canto ás dotacións e servizos, levaranse a cabo melloras na instalación eléctrica para dotar de puntos e luz e tomas de corrente todos os postos comerciais que se renoven e reforzaranse os cadros de distribución. Tamén se executarán os traballos de fontanería necesarios para dotar de abastecemento os novos postos e incorporaranse fregadoiros de aceiro inoxidable. Así mesmo, realizaranse os traballos necesarios para revestir ou substituír os elementos de carpintería metálica dos espazos laterais coa colocación de perfís de aluminio e portas de cora branco coa finalidade de conseguir a uniformidade da cor en todos os postos comerciais e conferirlle un aspecto renovado ao conxunto. Finalmente, o proxecto incorpora importantes actuacións decorativas, coa instalación de estores, lámpadas, elementos ornamentais como maceteiros, plantas artificiais, gaiolas decorativas colgadas do teito, revestimentos vinílicos en expositores existentes, carteis etc, co obxectivo de acadar unha completa homoxeneización do espazo en canto a acabados e deseño de toda a zona comercial.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín