O CONCELLO DE LALÍN REAFIRMA A APOSTA POLO EMPREGO CUNHA ACHEGA DE MÁIS DE 371 MIL EUROS PARA CONTRATAR A 32 TRABALLADORES

O CONCELLO DE LALÍN REAFIRMA A APOSTA POLO EMPREGO CUNHA ACHEGA DE MÁIS DE 371 MIL EUROS PARA CONTRATAR A 32 TRABALLADORES
Luns 28 de Xaneiro de 2019 - Os fondos proveñen da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación O proceso selectivo dará comezo no mes de febreiro para poder incorporar os novos operarios a principios de marzo. O concelleiro de Emprego explica que os contratos -que terán unha duración aproximada de 8 meses- permitirán mellorar a prestación de servizos públicos no Concello e, ao tempo ofrecer unha saída laboral a persoas desempregadas. O alcalde incide en que o Goberno está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas e as súas posibilidades de inserción laboral.

O Goberno municipal de Lalín continúa coa súa firme aposta polo emprego, desta volta realizando un importante esforzo inversor para proceder á contratación directa de varias persoas desempregadas. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, informan de que o Goberno vai destinar este ano máis de 371 mil euros, na súa maioría procedentes da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra (a contía máxima permitida), á contratación de 32 novos traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Cuíña e Fernández explican que o Concello está a axilizar o máximo posible a tramitación desta achega co obxectivo de que a incorporación dos operarios poida realizarse o antes posible. “A solicitude xa se presentou esta semana na Deputación” -sinalaron- “polo que unha vez que o organismo provincial lle dea luz verde, previsblemente o vindeiro 28 de xaneiro, o proceso selectivo para cubrir os postos ofertados tería lugar durante o mes de febreiro e os traballadores incorporaríanse a primeiros de marzo”.

Os contratos terán unha duración de entre 6 e 8 meses, dependendo do posto de traballo, explicou o concelleiro. A selección de traballadores realizarase mediante “un proceso totalmente aberto e transparente, buscando que poidan participar no mesmo o maior número de cidadáns”. Ao estaren as prazas ofertadas dirixidas a desempregados, tras efectuar o Concello as solicitudes de persoal, será o Servizo Público de Emprego o organismo encargado de remitir a relación de posibles candidatos para cada posto. A partir de aí, a administración municipal abrirá o proceso selectivo para cubrir as diferentes vacantes, algo que sucederá durante o mes de febreiro.

A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Cos novos contratos búscase dar saída ás necesidades de persoal dos servizos xerais.

En concreto, a nómina de traballadores solicitados polo Concello de Lalín segundo a súa ocupación profesional é a seguinte: 3 auxiliares administrativos para os departamentos de intervención, servizos sociais e estatística, 3 auxiliares de información turística, 1 bibliotecario, 1 auxiliar de biblioteca, 1 xardineiro oficial de primeira, 3 auxiliares de xardinería, 1 carpinteiro oficial de primeira, 5 peóns albaneis, 2 peóns de pintura, 2 peóns de obras públicas, 1 condutor de camión oficial de primeira, 2 condutores de tractor desbrozadora oficiais de primeira, 5 conserxes para deportes, 1 técnico de secretaría para a Secretaría Xeral e 1 técnico de comercio.

O responsable de emprego, José Manuel Fernández, salienta que, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía”. Con todo, destaca outro factor que ao seu parecer “é aínda máis importante, pois estamos a pór en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento de dificultades no mercado laboral”.

Nesta mesma idea incide o alcalde de Lalín. Rafael Cuíña resalta que “ben sexa a través desta oportunidade que ofrece o Plan de Concellos ou ben a través doutro tipo de medidas, o Goberno municipal está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas e as súas posibilidades de inserción laboral”. “Sabemos”, engade o rexedor, “que non temos competencias directas en materia de emprego, pero iso non vai ser nunca un pretexto para que este Goberno permaneza de brazos cruzados ante a lacra do paro, nun escenario no que están a incrementarse as afiliacións á seguridade social e no que o desemprego se reduciu notablemente nos últimos tres anos con este Goberno, pero somos conscientes de que segue a ser un problema que preocupa ás nosas veciñas e veciños”.

O rexedor recorda ademais que os tres primeiros itinerarios incluídos dentro do plan Mocidade Activa empezarán a desenvolverse o vindeiro mes de febreiro, previsiblemente xa na primeira quincena. Trátase das liñas de formación relacionadas coas especialidades de soldadura, atención sociosanitaria e comercio. En total, estas propostas de formación e inserción, que xa teñen as súas prazas cubertas, beneficiarán a un total de 45 persoas de entre 16 e 29 anos de idade. A maiores, tamén están moi avanzados os trámites para que empecen a botar a andar os dous itinerarios restantes deste programa, os de hostalería e informática.

Para o desenvolvemento do programa Mocvidade Activa, o Goberno acadou unha achega de 425.000 euros para desenvolver este plan de cualificación profesional destinado a mozas e mozos. Trátase dunha subvención conseguida a través do Fondo Social Europeo mediante a que se poñerá en marcha un proxecto para no que poderán formarse en diferentes sectores ata 75 persoas de cara á súa integración no mercado de traballo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín