O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A MELLORA PAÍSAXISTICA DO PAZO DE LIÑARES

O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A MELLORA PAÍSAXISTICA DO PAZO DE LIÑARES
Mércores 7 de Novembro de 2018 - Celia Alonso informa de que o Goberno encargou a redacción dun proxecto para recuperar a ornamentación do xardín e do entorno do edificio, tan característica dos pazos galegos. A concelleira apunta que esta actuación dotará aínda de maior valor un dos principais recursos turísticos e culturais do municipio.

A concelleira de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Celia Alonso, informa de que o Concello de Lalín vén de encargar a redacción externa dun proxecto cuxo obxectivo é embelecer e mellorar o entorno paisaxístico do Pazo de Liñares. A elaboración do documento que guiará esta actuación correrá a cargo da técnica agrícola, Salomé Iglesias, cuxo contrato ascende a 3.200 euros. Celia Alonso sinalou que o obxecto da iniciativa e o de recuperar o valor paisaxístico que tiña o Pazo e que se perdeu co paso do tempo. A concelleira explica que “este edificio nobre foi restaurado na súa condición arquitectónica, mais a ornamentación dos xardíns e dos arredores perdeuse notablemente e o que buscamos e devolverlle a riqueza paisaxística de antano tan característica dos principais pazos galegos”. “Para iso” -engade- “plantaranse diferentes flores, plantas e árbores ornamentais, todas elas sostibles e que precisan pouco rego, que lle darán ao pazo o novel paisaxístico que lle corresponde”.

Celia Alonso sinala que unha vez que nos próximos días finalice a redacción do proxecto, remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio para obter a autorización correspondente. A concelleira apuntou que esta actuación dotará aínda de maior valor un dos principais recursos turísticos e culturais do municipio e servirá para seguir promovendo este espazo sumándolle un novo atractivo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín