O CONCELLO DE LALÍN PRESÉNTALLE A VECIÑANZA O ANTEPROXECTO PARA A CONSTRUCIÓN DE SENDAS PEONÍS DE CONTINUIDADE URABANA NA CARBALLEIRA DO RODO E EN GARCÍA SÁNCHEZ

O CONCELLO DE LALÍN PRESÉNTALLE A VECIÑANZA O ANTEPROXECTO PARA A CONSTRUCIÓN DE SENDAS PEONÍS DE CONTINUIDADE URABANA NA CARBALLEIRA DO RODO E EN GARCÍA SÁNCHEZ
Xoves 13 de Decembro de 2018 - A pasarela que comunicará estas zonas terá uns 340 metros de longo e constará dunha senda peonil que irá acompañada de elementos de seguridade con especial atención ao entronque coa Rolda Leste. Na reunión desta tarde falouse sobre a posible necesidade de facer que a rúa paralela á carballeira sexa de dirección única.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, e o concelleiro do Obxectivo Temático número 6 da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, Francisco Vilariño, presentaron esta tarde ante os veciños o anteproxecto redactado pola empresa lalinense Lar Taller de Arquitectura S.L para a construción de pasarelas peonís de continuidade urbana na zona da Carballeira do Rodo e García Sánchez, que se vai executar cofinanciado nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020. Trátase dun importante proxecto en aras de mellorar a mobilidade urbana sostible e segura mediante plataformas que comunicarán diferentes zonas periurbanas e que garantirán desprazamentos cómodos e seguros a pé.

A reunión de hoxe centrouse na próxima habilitación dunha senda peonil pegada á calzada da carballeira do Rodo que facilitará a transición de peóns e que continuará, unha vez superada a Rolda Leste, pola entrada de García Sánchez, onde a día de hoxe non existen ningún tipo de pasarela nin beirarrúa. Non obstante, o proxecto inclúe intervencións na estrada EP-6009 (carretera de Brántega) que enlazará a coñecida como rotonda do Rodo con Xaxán e Delaparte e no traxecto da N-640 entre a rotonda de confluencia coa Rolda Leste ata Bailás no comezo das beirarrúas existentes.

A pasarela que comunicará a Carballeira do Rodo coa a urbanización de García Sánchez terá uns 340 metros de longo e constará dunha senda peonil que irá acompañada de elementos de seguridade viaria e melloras na iluminación. Prestarase especial atención a estes dous aspectos no entronque que atravesa a Rolda Leste, onde se mellorará o paso de peóns, que posiblemente irá elevado. Esta actuación, naqueles puntos onde non existan árbores, dotarase tamén dun acompañamento de arborado adecuado para cada un dos entornos. Outra das cuestións que se analizou na reunión é a posibilidade de facer de sentido único a rúa paralela á Carballeira do Rodo, un cambio que -como sinalou Casares- posiblemente sexa necesario acometer coa construción das sendas peonís.

González Casares salientou que estas actuacións forman parte dun proxecto “que ten claro que a mobilidade debe ser sostible e segura”. “Esta é a vontade clara deste Goberno” -indicaron- “cuestión que tamén está presente na fundamentación da propia estratexia DUSI e que pon de manifesto a preocupación do Concello por cohesionar o casco urbano cos núcleos rurais máis próximos”. As sendas peonís de continuidade urbana sostible e segura situaranse nos tres casos en lugares nos que se constatou unha forte demanda cidadá destas infraestruturas e permitirán solucionar exemplos manifestos de discontinuidade entre o núcleo central urbano e as zonas próximas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín