O CONCELLO DE LALÍN PON EN MARCHA AS ACTUACIÓNS DE MELLORA NO POLÍGONO LALÍN 2000

O CONCELLO DE LALÍN PON EN MARCHA AS ACTUACIÓNS DE MELLORA NO POLÍGONO LALÍN 2000
Venres 26 de Outubro de 2018 - As obras foron pactadas co empresariado e servirán para reorganizar glorietas, arranxar beirarrúas e mellorar as sinalización. Trátase dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou esta mañá o inicio das actuacións de mellora no polígono Lalín 2000, postas en marcha polo Concello de Lalín e financiadas con cargo a unha achega da Xunta de Galicia para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”. Concretamente, as obras están sendo desenvolvidas pola empresa Taboada y Ramos e contan cun orzamento de 72.270,88 euros. As obras deberán estar finalizadas a día 15 de novembro, prazo máximo que concedeu a Xunta de Galicia a todos os Concellos para ter rematadas e certificadas as actuacións efectuadas con cargo a esta orde de axudas.

As diferentes actuacións incluídas nesta intervencións que se vai executar no parque empresarial foron pactadas co empresariado atendendo ás súas principais demandas e trasladadas a través da Asociación de Empresarios de Deza (AED). A obra permitirá, concretamente, reordenar varias isletas situadas no polígono, posto que o seu actual deseño dificultaba o paso de camións de gran tonelaxe, que non eran capaces de circular sen invadilas, motivo, ademais, polo que se atopan moi deterioradas. As glorietas serán substituídas por outros elementos que permitirían o paso de camións con comodidade e sen necesidade de realizar complexas manobras. Por outro lado, realizaranse importantes traballos de reparación nas beirarrúas que se atopan en mal estado e mellorarase a sinalización en todo o recinto empresarial.

Vilariño fixo fincapé na necesidade de acometer estas actuacións no Polígono Lalín 2000 “a través dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Vilariño insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños e así facilitar na medida do posible a actividade económica industrial no noso municipio”. Pola súa banda, o alcalde, Rafael Cuíña, destacou que se trata dun plan de actuacións moi demandado polos empresarios que grazas ao esforzo do Goberno sefará realidade dentro dos compromisos que ten adquiridos o Concello co tecido

Precisamente o Concello de Lalín tivo que realizar un importante esforzo para poder sacar adiante estas importantes obras debido aos “apretados” prazos do goberno galego para tramitar e executar estas axudas. “Os tempos que ofreceu a Xunta para xestionar esta subvención foron irrisorios” -afirma Vilariño- “polo que tivemos que realizar un gran traballo para non perder a subvención, xa que a obra debe estar rematada, certificada e pagada a mediados do mes que vén”. O Concello de Lalín mesmo se veu na obriga de solicitar unha prórroga sobre o prazo de certificación das actuacións que finalmente a Xunta lle concedeu a todos os municipios beneficiarios ampliando, non obstante, de xeito escaso esta marxe ata o próximo 15 de novembro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín