O CONCELLO DE LALÍN LICITA O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA RÚA WENCESLAO CALVO GARRA

O CONCELLO DE LALÍN LICITA O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA RÚA WENCESLAO CALVO GARRA
Mércores 3 de Outubro de 2018 - A rúa transformarase nunha plataforma única con beirarrúas máis anchas e un deseño que aposta por facer o espazo urbano máis acolledor. O proxecto tamén inclúe importantes melloras en materia de seguridade viaria e servizos públicos urbanos. O concelleiro explicou que a obra resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”.

O Goberno de Lalín continúa poñendo en marcha importantes actuacións en beneficio dos veciños e veciñas, tanto no rural como no casco urbano. Neste caso, como informa o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, a Xunta de Goberno vén de aprobar o prego de cláusulas técnicas e administrativas que guiarán o proceso de contratación do proxecto de humanización e acondicionamento integral da rúa Wenceslao Calvo Garra ao que o Concello de Lalín destina un orzamento de 223.311,91 euros procedentes da liña 1 do Plan de Concellos. Trátase, como explicou o edil, dunha das actuación máis importantes das múltiples que se van acometer durante os vindeiros meses en diferentes rúas da vila e que vai cambiar por completo o aspecto desta céntrica e comercial vía, dotándoa na súa totalidade dun novo acabado co que se logrará embelecer a zona e mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade.

O prego de cláusulas quedou hoxe publicado na Plataforma de Contratacións do Estado, de modo que se abre un prazo de 20 días para que as empresas interesadas rexistren ofertas nun proceso de contratación que se guía pola modalidade aberta e simplificada.

A humanización levarase a cabo de maneira principal transformando a rúa nunha plataforma única para que se converta nun espazo máis acolledor e habitable. Como explicou Francisco Vilariño, pensando tanto na veciñanza como nos actuais usos da rúa, na actuación decidiuse prescindir dunha das marxes de estacionamento, concretamente, da situada ao lado norte. Non obstante, seguirán existindo os mesmos “carga e descarga” e seguirá sendo de dirección única. As beirarrúas ensancharanse ata os 3 metros, cunha zona de estacionamento de 2 e medio e un carril de circulación de 3. O proxecto tamén inclúe melloras nos servizos urbanos, xa que se vai mellorar a recollida de augas pluviais e deixaranse previstas canalizacións para o soterramento dos cables de alumeado eléctrico e telecomunicacións, o que a mellorará esteticamente en gran medida este espazo urbano.

En relación aos acabados -tal e como recolle o proxecto deseñado polo arquitecto lalinense, Luís Fernández- buscouse ir a cores claras, xa que a rúa pasa boa parte do día á sombra. Así, a calzada acometerase con formigón “desactivado” que quedará cunha textura similar á dun camiño e non perfectamente lisa, senón con lixeiras rugosidades. Doutra banda, buscouse darlle máis vistosidade á rúa debido á súa significación no casco urbano, mediante franxas de granito silvestre transversais ao longo da calzada que ao mesmo tempo servirán para modular as prazas de estacionamento. Isto combinarase con franxas de cuarcita e lousa verde que marcarán a linealidade que se require para os pasos de peóns e finalmente as lousas principais das beirarrúas serán substituídas para colocar outras similares á da rúa Ferrín Moreiras. Por último, dotarase a vía de pivotes de seguridade que emitirán unha luz regulable.

Francisco Vilariño sinalou que dende o Goberno se observou a necesidade de actuar nesta rúa por ser “seguramente a que en peor estado se atopa das céntricas do noso casco urbano”. A intervención vai formar parte do paquete de acondicionamentos de rúas do casco urbano que está proxectado, aínda que a esta actuación se lle quixo dar “un protagonismo especial pola súa relevancia”. Vilariño explicou que a obra resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”. O concelleiro lembrou que as prazas que se van perder de aparcamento pola necesidade de anchear as beirarrúas “se gañarán multiplicadas por 3” na nova área de estacionamento que o Goberno propón construír nas proximidades dos xulgados e que se levará ao próximo Pleno para a súa posible aprobación, así como no aparcadoiro Aldea Grande que será gratuíto 6 horas ao día.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín