O CONCELLO DE LALÍN INICIARÁ AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA RÚA WENCESLAO CALVO GARRA XUSTO DESPOIS DAS FESTAS DE NADAL

O CONCELLO DE LALÍN INICIARÁ AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA RÚA WENCESLAO CALVO GARRA XUSTO DESPOIS DAS FESTAS DE NADAL
Venres 16 de Novembro de 2018 - Francisco Vilariño explicou ademais que se están acompasando os trámites administrativos para que as actuacións se executen na época máis propicia e teñan a menor incidencia posible para o comercio e a hostalería A proposta mellor valorada é a da empresa Construcciones Orega, por un total de preto de 173 mil euros. A rúa transformarase nunha plataforma única con beirarrúas máis anchas e un deseño que aposta por facer o espazo urbano máis acolledor. O proxecto tamén inclúe importantes melloras en materia de seguridade viaria e servizos públicos urbanos. O concelleiro explicou que a obra resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que as obras para a execución do proxecto de humanización da rúa Calvo Garra se iniciarán xusto despois das festas de Nadal, o vindeiro 7 de xaneiro. Tal e como explica o edil, a decisión adoptouse para evitar que as actuacións interferiran co desenvolvemento dunha das campañas comerciais máis importantes do ano e tendo en conta que esta iniciativa se vai desenvolver nunha das principais arterias do casco urbano. Tendo en conta ademais que o prazo de execución das actuacións é de case tres meses, Francisco Vilariño informa de que xa se consensou coa empresa adxudicataria un plan de desenvolvemento dos traballos que permita que, cando menos parte da rúa Calvo Garra, estea habilitada para a circulación durante a celebración da Feira do Cocido, que este ano cadra o 24 de febreiro. Con este obxectivo estanse acompasando os diferentes procedementos administrativos previos ao inicio das obras para que estas teñan a menor incidencia posible no tráfico e na actividade comercial e hostaleira do centro da vila.

Francisco Vilariño informou ademais de que a oferta mellor valorada no proceso de licitación é a correspondente á presentada pola empresa Construcciones Orega, cun orzamento definitivo de preto de 173 mil euros sobre os case 224 mil no que se licitaran uns traballos que se financiarán con fondos procedentes da liña 1 do Plan de Concellos. A maiores, a compañía tamén presentou como melloras unha redución do tempo de execución das obras.

Francisco Vilariño lembrou que este proxecto se enmarca dentro das importantes actuacións que está poñendo en marcha o Goberno municipal en beneficio dos veciños e veciñas, tanto no rural como no casco urbano. Neste caso, como informa o concelleiro de Obras, lembra que o proxecto de humanización e acondicionamento integral da rúa Wenceslao Calvo Garra é unha das actuación máis importantes e de maior envergadura das múltiples que se van acometer durante os vindeiros meses en diferentes rúas da vila e que vai cambiar por completo o aspecto desta céntrica e comercial vía, dotándoa na súa totalidade dun novo acabado co que se logrará embelecer a zona e mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade.

A humanización levarase a cabo de maneira principal transformando a rúa nunha plataforma única para que se converta nun espazo máis acolledor e habitable. Como explicou Francisco Vilariño, pensando tanto na veciñanza como nos actuais usos da rúa, na actuación decidiuse prescindir dunha das marxes de estacionamento, concretamente, da situada ao lado norte. Non obstante, seguirán existindo os mesmos “carga e descarga” e seguirá sendo de dirección única. As beirarrúas ensancharanse ata os 3 metros, cunha zona de estacionamento de 2 e medio e un carril de circulación de 3. O proxecto tamén inclúe melloras nos servizos urbanos, xa que se vai mellorar a recollida de augas pluviais e deixaranse previstas canalizacións para o soterramento dos cables de alumeado eléctrico e telecomunicacións, o que a mellorará esteticamente en gran medida este espazo urbano.

En relación aos acabados -tal e como recolle o proxecto deseñado polo arquitecto lalinense, Luís Fernández- buscouse ir a cores claras, xa que a rúa pasa boa parte do día á sombra. Así, a calzada acometerase con formigón “desactivado” que quedará cunha textura similar á dun camiño e non perfectamente lisa, senón con lixeiras rugosidades. Doutra banda, buscouse darlle máis vistosidade á rúa debido á súa significación no casco urbano, mediante franxas de granito silvestre transversais ao longo da calzada que ao mesmo tempo servirán para modular as prazas de estacionamento. Isto combinarase con franxas de cuarcita e lousa verde que marcarán a liñalidade que se require para os pasos de peóns e finalmente as lousas principais das beirarrúas serán substituídas para colocar outras similares á da rúa Ferrín Moreiras. Por último, dotarase a vía de pivotes de seguridade que emitirán unha luz regulable.

Francisco Vilariño sinalou que dende o Goberno se observou a necesidade de actuar nesta rúa por ser “seguramente a que en peor estado se atopa das céntricas do noso casco urbano”. A intervención vai formar parte do paquete de acondicionamentos de rúas do casco urbano que está proxectado, aínda que a esta actuación se lle quixo dar “un protagonismo especial pola súa relevancia”. Vilariño explicou que a obra resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”. O concelleiro lembrou que as prazas que se van perder de aparcamento pola necesidade de anchear as beirarrúas veranse compensadas de sobra coa gratuidade por tramos horarios do parking “Aldea Grande”, que se atopa a escasos metros desta rúa.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín