O CONCELLO DE LALÍN INICIA AS OBRAS DE ARRANXO INTEGRAL DA RÚA VIDAL ABASCAL

O CONCELLO DE LALÍN INICIA AS OBRAS DE ARRANXO INTEGRAL DA RÚA VIDAL ABASCAL
Xoves 13 de Decembro de 2018 - As actuacións estarán finalizadas antes de finalizar o mes de xaneiro. Francisco Vilariño sinalou que este proxecto corrixirá os defectos da rúa e mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presentaba a nivel xeral un bo estado de conservación e que agora se vai recuperar. A actuación enmárcase nos múltiples proxectos de rehabilitación programados para distintas vías urbanas por parte do Concello de Lalín.

O Concello de Lalín deu hoxe inicio ás obras de arranxo integral da rúa Vidal Abascal (antiga rúa F), un importante proxecto co que se dá continuidade a un ambicioso programa de melloras que comezou co acondicionamento da rúa Pintor Colmeiro e que afectará a diferentes rúas do centro, de cara a homoxeneizar e rexenerar por completo o seu aspecto, así como para mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade urbana. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, visitou esta mañá o inicio da intervención que está previsto que quede finalizada antes de rematar o mes de xaneiro. Narom S.L é a empresa encargada de acometer esta actuación, que contempla tanto a reconstrución das beirarrúas como a reposición do firme e que lle foron adxudicadas nun concurso aberto no que se licitou conxuntamente un paquete de obras que tamén inclúe a mellora da rúa Xesteira e a pavimentación de Alcalde Ferreiro por un total de 161.524 euros.

A actuación afecta a un treito de 105 metros, que é o comprendido entre a rúa Cacharela e a Luís González Taboada, un tramo que non presenta un bo estado de conservación tras acumular moitos anos sen melloras. Vilariño destacou, neste sentido, que o firme estaba moi deteriorado con zonas nas que se podían observar notables agretamentos e fochancas que facían necesario intervir con celeridade. O mesmo ocorría coas beirarrúas, formadas por plaquetas de formigón e completamente obsoletas, con moitas delas rotas, o que facía necesario realizar constantes parcheos. Así, a reconstrución das marxes acometerase con lousas de granito serrado que irán en consonancia coas das rúas próximas. A rúa seguirá mantendo a circulación en sentido único e permitirase o estacionamento en ambas marxes.

Segundo Francisco Vilariño este proxecto corrixirá os defectos da rúa e mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presentaba a nivel xeral un bo estado de conservación e que agora se vai recuperar. O concelleiro asegurou que a rexeneración desta vía “vai ser recibida cos brazos abertos por parte dos veciños e dos comerciantes”. O responsable municipal de Obras tamén fixo fincapé en que esta intervención “é un dos múltiples proxectos de rehabilitación programados para distintas vías urbanas por parte do Concello de Lalín e segue a filosofía de modelo urbano que busca o Goberno, no que as inversións buscan sempre mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Finalmente recordou que a humanización “servirá para seguir mellorando a accesibilidade e a mobilidade no núcleo urbano dentro do noso firme compromiso político para avanzar neste obxectivo”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín