O CONCELLO DE LALÍN FINALIZA AS OBRAS DE MELLORA INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO

O CONCELLO DE LALÍN FINALIZA AS OBRAS DE MELLORA INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO
Martes 20 de Novembro de 2018 - Francisco Vilariño mostrou a súa satisfacción “por unhas obras que permitiron corrixir os múltiples defectos da rúa e mellorar substancialmente as condicións dunha vía recuperada para incrementar a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Este proxecto, xunto co que se vai executar en Alcalde Ferreiro, suporá un antes e un despois no estado dunha zona céntrica e das máis importantes do casco urbano.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou esta mañá o remate das actuacións de acondicionamento e arranxo integral da rúa Pintor colmeiro postas en marcha polo Concello de Lalín. A intervención finalizou co pintado das marcas viarias que non se puido executar ata o día de hoxe ao non darse anteriormente e debido ao mal tempo as condicións adecuadas de humidade para que estes traballos quedasen en perfectas condicións. Esta obra é a primeira que se desenvolve dentro dun ambicioso programa de melloras se visualizará durante os vindeiros meses e que afectará a diferentes rúas do centro, de cara a homoxeneizar e rexenerar por completo o seu aspecto, así como para mellorar as condicións de accesibilidade e mobilidade urbana.

Francisco Vilariño mostrou a súa satisfacción “por unhas obras que quedaron moi ben e que solucionaron o mal estado das beirarrúas e as carencias que presentaba o asfalto tras moitos anos sen ningún tipo de actuación na zona”. “Porén” -engadiu- “estamos moi contentos de conseguir a través deste proxecto corrixir os múltiples defectos da rúa e mellorar substancialmente as condicións dunha vía recuperada para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”. O edil salientou que “este proxecto, xunto co que se vai executar en Alcalde Ferreiro suporá un antes e un despois no estado dunha zonas máis importantes do casco urbano pola súa gran densidade poboacional e a alta actividade comercial”. “Todas as obras que se van poñer en marcha en diferentes rúas” -explicou- “continúan na senda do modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas e permitiranos seguir avanzado en cuestións de mobilidade sustentable e accesibilidade”.

As actuacións acometidas en Pintor Colmeiro contemplaron o levantado da plaqueta das beirarrúas e do bordo de formigón coa posterior colocación de novo pavimento de lousas rectangulares iguais en deseño ás existentes na rúa Ferrín Moreiras, dándolle así continuidade estética a ambos viais. Por outra banda, reparouse o firme de aglomerado deste treito, previa retirada dunha capa de 5 centímetros de rodadura existente para evitar que a rúa vaia tendo cada vez maior espesor. A obra supuxo un investimento total de 40 mil euros.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín