O CONCELLO DE LALÍN COMPRA UNHA PARCELA EN MONEIXAS PARA DOTAR Á PARROQUIA DUNHA NOVA ZONA DE SERVIZOS PÚBLICOS

O CONCELLO DE LALÍN COMPRA UNHA PARCELA EN MONEIXAS PARA DOTAR Á PARROQUIA DUNHA NOVA ZONA DE SERVIZOS PÚBLICOS
Luns 14 de Xaneiro de 2019 - O alcalde, Rafael Cuíña, rubricou esta mañá ante notario a adquisición do terreo que era propiedade da igrexa. Francisco Vilariño destacou que con esta adquisición o Goberno municipal cumpre un compromiso adquirido coa veciñanza e que entre outras cousas permitirá que esta parroquia conte cunha nova superficie de utilidade completamente pública que poderá ser utilizada para diferentes fins. Trátase dun terreo de 865 metros cadrados e comprada por un importe de 14 mil euros que se financiarán con cargo aos remanentes do ano 2017.

O Concello de Lalín fixo hoxe efectiva a compra da parcela adxacente ao local social da parroquia de Moneixas, unha operación que rubricou esta mañá ante notario o alcalde, Rafael Cuíña, e que permitirá dotar a esa parroquia dunha nova zona de servizos públicos para toda a veciñanza. Esa parcela pertencía á Igrexa Católica, concretamente á Diócese de Lugo e ten unha extensión duns 865 metros cadrados. Foi adquirida por un importe de 14 mil euros que se financiarán con cargo aos remanentes do ano 2017.

Desta maneira, tal e como indica o concelleiro, Francisco Vilariño, que xunto coa alcaldesa de aldea da parroquia, Beatriz Fernández, visitou hoxe a parcela recén mercada, o Goberno municipal cumpre co compromiso adquirido coa veciñanza e que entre outras cousas permitirá que esta parroquia conte cunha nova superficie de utilidade completamente pública que poderá ser utilizada para diferentes fins polos veciños e veciñas. Francisco Vilariño indicou que con esta iniciativa o Concello de Lalín cumpre cunha demanda histórica de Moneixas, entre outras cuestións, porque se trataba dunha localidade na que non existía ningún terreo de titularidade pública, o que lastraba de modo significativo as posibilidades da parroquia.

O edil tamén puxo de relevo que se trata dunha adquisición moi importante e con vistas ao futuro, posto que no terreo se sitúan edificacións públicas que poderán, deste xeito, ser melloradas ou ampliadas en beneficio dos residentes. Precisamente, a carencia dun espazo público nesta parroquia imposibilitaba a ampliación de infraestruturas veciñais situadas no entorno da finca, ou a construción de calquera outra edificación por falta de terreos onde situala. Porén, insiste Vilariño, facer efectiva esta compra é unha satisfacción para o Goberno municipal, posto que nos permite dar resposta a unha reivindicación histórica dos veciños e veciñas de Moneixas, que por fin poden contar cun espazo público e de uso social e veciñal. Dende o Goberno -engadiu- entendemos que este tipo de propiedades teñen que ter un aproveitamento para a sociedade polo que o lóxico é que sexan de titularidade municipal para uso e desfrute da cidadanía.

Por último, o concelleiro tamén informou de que outras das posibilidades que ofrece a compra da parcela será a axilización do proceso de recuperación do cruceiro situado no seu centro e ata o de agora propiedade da Igrexa. Este elemento de importante valor histórico e patrimonial estragouse en 2015 a causa dun temporal que derrubou sobre a peza un castiñeiro en mal estado. Ata o momento a Igrexa non conseguira reparalo, de xeito que unha vez sendo este de propiedade municipal se van axilizar os trámites para conseguir recuperalo e tratar de devolvelo ao seu estado orixinal.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín