O CONCELLO DE LALÍN COMPRA A PARCELA ANEXA AO AUDITORIO DE VILATUXE POR 25 MIL EUROS PARA DOTAR Á PARROQUIA DUNHA NOVA ZONA DE SERVIZOS PÚBLICOS

O CONCELLO DE LALÍN COMPRA A PARCELA ANEXA AO AUDITORIO DE VILATUXE POR 25 MIL EUROS PARA DOTAR Á PARROQUIA DUNHA NOVA ZONA DE SERVIZOS PÚBLICOS
Mércores 2 de Xaneiro de 2019 - Con esta operación, asinada esta mañá ante notario, o Goberno cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza hai un ano. O espazo, dun 2.500 metros cadrados, empregarase para a instalación dun novo edificio veciñal que, ao mesmo tempo, permita ampliara dotación do Auditorio. A proposta de reordenación de espazos contempla ademais unha zona verde e de lecer, unha de estacionamento e unha senda peonil para mellorar a seguridade viaria. A redacción do proxecto para a súa execución estará concluído antes que remate este mandato.

O Concello de Lalín fixo hoxe efectiva a compra da parcela adxacente ao auditorio municipal “Xosé Fernández, o xastre de Vilatuxe”, unha operación que rubricou esta mañá ante notario o alcalde cos propietarios da finca e que permitirá dotar a esa parroquia dunha nova zona de servizos públicos para toda a veciñanza. Esa parcela, que ten unha extensión duns 2.500 metros cadrados, foi adquirida por un importe de 25 mil euros, que se financiarán con cargo aos remanentes do ano 2017.

Desta maneira, tal e como indica Rafael Cuíña, o Goberno municipal cumpre co compromiso adquirido coa veciñanza hai un ano, e que entre outras cousas permitirá ampliar as instalacións do Auditorio coa construción dun novo inmoble para dar reposta ás necesidades da Escola e a Banda de Música. Ao mesmo tempo tamén propiciará a reordenación integral do espazo para habilitar unha nova zona de estacionamento, unha zona verde e de lecer para os rapaces, ou a posta en marcha de actuacións que melloren a seguridade viaria na contorna dun lugar que tamén conta cun colexio público nas súas inmediacións. Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, explica que, unha vez se fixo efectiva a compra da parcela, o Concello de Lalín iniciará a redacción do proxecto co obxectivo de que estea concluído antes de que remate o presente mandato.

Casares afirma que se trata dunha proposta inicial moi ambiciosa e que contempla equipamentos e dotacións públicas que non só servirán para dar servizo aos veciños de Vilatuxe, senón tamén das colindantes e do conxunto da cidadanía de Lalín. Así, a ampliación do Auditorio cun edificio próximo permitirá suplir a actual carencia de aulas para unha Escola de Música que supera os 120 alumnos, pero que ademais tamén se converterá nun espazo de reunión social e veciñal para os habitantes das diferentes parroquias da contorna. En calquera caso, e tendo en conta que a parcela está nas proximidades dun centro escolar, a proposta de reordenación de espazos e usos tamén contempla o deseño dun parque biosaudable e espazo de lecer e xogo para escolares. Nesta liña, o paso habitual de rapaces, tanto para o colexio como para a escola de música, tamén fai precisa unha zona de tránsito seguro e que as esperas ou estancias dos mesmos se fagan sempre na calzada.

Mentras tanto, o concelleiro do Rural, Miguel Medela, incide en que con este obxectivo habilitarase unha nova zona de estacionamento con incremento de prazas e reordenación das existentes. Consecuentemente tamén será necesario dotar a esa zona de servizos de espazos e percorridos libres de coches para incrementar a seguridade viaria. A ausencia de beirarrúas desde a estrada principal provoca desprazamentos en vehículo que non serían precisos de existir sendas peonís. A súa construción fará que se dea unha maior seguridade no desprazamento a pé dos nenos e nenas que van á escola. As medidas de seguridade peonil tamén se complementará cunha ampla meseta ou paso de cebra sobreelevado que permitirá o paso peonil entre a zona do Auditorio e o Colexio.

En definitiva, conclúe o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, a compra desta parcela permitirá acometer unhas actuacións moi necesarias e que consolidarán unha gran zona de servizos públicos e unha zona verde nun entorno de seguridade e benestar para os veciños de Vilatuxe e para o conxunto dos usuarios do Auditorio, o centro escolar e o centro social que tamén se atopa nas proximidades.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín