O CONCELLO DE LALÍN AMOSA A SÚA DISPOSICIÓN A SUMARSE Á PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO

O CONCELLO DE LALÍN AMOSA A SÚA DISPOSICIÓN A SUMARSE Á PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO
Martes 7 de Xullo de 2015 - O alcalde avoga pola “unidade, a valentía política e a altura de miras” para apoiar aos gandeiros. Cuíña participou hoxe en asembleas con alcaldes e con representantes do sector para comezar a definir unha estratexia conxunta.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou hoxe a súa disposición a unirse á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego. Fíxoo no marco dunha asemblea convocada polos sindicatos agrarios e que tamén reuniu a gandeiros, asociacións, cooperativas e diferentes representantes municipais e políticos.

Todos eles traballarán a partir de agora de forma conxunta para artellar unha ferramenta de actuación común en defensa dos intereses dun “sector estratéxico para Galicia” e que “está a atravesar un dos seus momentos máis dramáticos por mor da presión da industria e dos baixos prezos do leite”.

Antes desta reunión en Compostela, Rafael Cuíña tamén participou noutro encontro con alcaldes de diferentes concellos e partidos políticos para poñerse a disposición dos gandeiros nas súas reivindicacións. Na xuntanza, celebrada na localidade de Boimorto, Rafael Cuíña fixo un chamamento á “unidade de todos, máis alá de siglas partidarias” para defender un dos sectores con máis peso na economía dos concellos rurais de Galicia.

Nesta liña, o alcalde pediu “altura de miras e valentía para deixar de lado os intereses particulares de cada un e ir todos da man na defensa dos gandeiros para facer así política con maiúsculas”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín