O CONCELLO DE LALÍN ACTIVA O PROCESO PARA O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA MARUJA GUTIÉRREZ CUN INVESTIMENTO PRÓXIMO AOS 160 MIL EUROS

O CONCELLO DE LALÍN ACTIVA O PROCESO PARA O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA MARUJA GUTIÉRREZ CUN INVESTIMENTO PRÓXIMO AOS 160 MIL EUROS
Venres 9 de Novembro de 2018 - Francisco Vilariño explica que se trata dunha actuación moi ambiciosa que non só servirá para mellorar o firme e as beirrarúas, senón que tamén suporá a mellora das canalizacións soterradas para servizos como saneamento e abastecemento, electricidade e telecomunicacións. O proxecto, que está previsto acometer no primeiro semestre do vindeiro ano, complementará o amplo conxunto de actuacións para homoxeneizar e rexenerar por completo o aspecto dunha zona urbana céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial. O concelleiro de Obras lembra que responde a unha demanda veciñal que o Goberno asumiu como propia e incluíu no paquete de actuacións que se van financiar con cargo aos remanentes de 2017.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, vén de anunciar hoxe o próximo arranxo integral da rúa Maruja Gutiérrez, “unha ambiciosa e complexa iniciativa que permitirá mellorar de maneira substancial o estado desta vía, ao tempo que se avanza no obxectivo de mellorar a accesibilidade e a mobilidade no conxunto do entramado do casco urbano”. O edil lembra, ademais, que esta actuación vaise facer dando cumprimento a unha vella demanda veciñal, asumida de maneira decidida e inequívoca polo Goberno local e que foi o que motivou que se incluíse como compromiso propio dentro dos proxectos que se van executar con cargo aos remanentes municipais de 2017.

O arranxo da rúa Maruja Gutiérrez”, engade Francisco Vilariño, “constitúe unha actuación de gran envergadura, xa que non só implicará a renovación total da calzada e as beirarrúas senón que tamén contempla a substitución das instalacións de saneamento e abastecemento de auga, que se atopan obsoletas”. O Concello xa está a traballar na redacción dun proxecto que suporá un investimento de 160 mil euros e que está previsto que se execute ao longo do primeiro semestre do próximo ano.

Francisco Vilariño -que hoxe visitou a zona na que se vai actuar- indicou, ademais, que esta intervención complementa as que se están a realizar ou se van levar a cabo para mellora do firme e das beirarrúas en rúas como Alcalde Ferreiro, Ferrín Moreiras, Pintor Coleiro ou Calvo Garra, entre outras. Trátase dun conxunto de actuacións que en conxunto o que permitirá homoxeneizar e rexenerar por completo o aspecto dunha zona urbana céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial.

No caso concreto da rúa Maruja Gutiérrez, esta vía está delimitada entre Luís González Taboada e a rúa B e conta cunha lonxitude total de 120 metros por un ancho de 12 metros. Dispón de carril para a circulación, así como de zonas laterais para o estacionamento. O pavimento da rúa é de aglomerado en quente, que se atopa na actualidade con múltiples baches e moi cuarteado, o que agrava a tendencia á aparición de buratos de gran tamaño. Ademais, as beirarrúas están na súa maior parte nun estado moi deteriorado. Algo similar ao que acontece coas instalacións de abastecemento de auga e saneamento, que son bastante obsoletas.

Neste contexto, a iniciativa do Concello prevé agora o levantado de beirarrúas e tubaxes, así como dos colectores, arquetas, válvulas, pozos, sumidoiros e acometidas soterradas. Tamén se mellorará a rede eléctrica da zona cunha nova liña de alimentación para alumeado público e reposición de luminaria para alumeado residencial, así como a mellora das tubaxes soterradas para as redes de distribución de gas e as canalizacións de telecomunicacións. Desta maneira, a intervención que se vai executar “mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presenta a nivel xeral un bo estado de conservación e que acumula anos sen melloras, motivo polo que é preciso intervir con rapidez na súa recuperación”.

En palabras de Francisco Vilariño, a intervención na rúa Maruja Gutiérrez “vai ser recibida cos brazos abertos por parte dos veciños e dos comerciantes”. “As obras anunciadas” -explicou- “continúan na senda do modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín