O CONCELLO DÁ RESPOSTA ÁS DEMANDAS DO EMPRESARIADO LALINENSE COA EXECUCIÓN DE IMPORTANTES MELLORAS NO POLÍGONO LALÍN 2000

O CONCELLO DÁ RESPOSTA ÁS DEMANDAS DO EMPRESARIADO LALINENSE COA EXECUCIÓN DE IMPORTANTES MELLORAS NO POLÍGONO LALÍN 2000
Mércores 14 de Novembro de 2018 - Francisco Vilariño supervisou o remate das actuacións postas en marcha no parque empresarial para facilitar a actividade económica e industrial no municipio. O edil insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños. Dentro dos compromisos que ten adquiridos o Goberno municipal co tecido empresarial, o alcalde, Rafael Cuíña realizou persoalmente xestións directas coa Consellería de Industria en relación á ampliación de prazos para poder sacar adiante con garantías este importante proxecto.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, desprazouse hoxe ata o polígono industrial, Lalín 2000, para supervisar a finalización dos traballos de mellora desta superficie, postos en marcha polo Concello de Lalín co cargo a unha achega da Xunta para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”. O edil mostrouse moi satisfeito pola consecución desta actuación “pola que levabamos agardando 3 anos e que serve para dar resposta ás demandas e necesidades do tecido empresarial lalinense e para facilitar a actividade industrial no polígono”. O investimento total das obras superou os 72 mil euros o que serviu para efectuar melloras moi demandadas como reordenación de varias isletas situadas xa que o deseño das anteriores dificulta o paso de camións de gran tonelaxe, incapaces de circular sen invadilas, motivo, ademais, polo que se atopaban moi deterioradas. As glorietas foron rebaixadas e substituídas por outros elementos que permiten o paso de camións e outros vehículos pesados con comodidade e sen necesidade de realizar complexas maniobras, axilizando e facilitando o tránsito no conxunto do polígono. Por outro lado, realizáronse importantes traballos de reparación nas beirarrúas que se atopan en mal estado polo uso e o paso do tempo e mellorouse a sinalización en todo o recinto empresarial.

Vilariño lembrou que o Concello de Lalín se veu na obriga de realizar un importante esforzo tanto por parte do persoal técnico, como da Concellería, para poder sacar adiante estas importantes obras debido aos “apretados” prazos do goberno galego para tramitar e executar estas axudas. “Os tempos que ofreceu a Xunta para xestionar esta subvención foron moi xustos” -lembra o edil- “polo que tivemos que realizar un gran traballo para non perder a subvención, pois a obra tivo que ser rematada, certificada e pagada a mediados deste mes”. O Concello de Lalín mesmo se veu na obriga de solicitar unha prórroga sobre o prazo de certificación das actuacións que finalmente a Xunta lle concedeu a todos os municipios beneficiarios ampliando, non obstante, de xeito escaso esta marxe ata o 15 de novembro. Nesta liña, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, realizara persoalmente xestións directas coa Consellería de Industria en relación á ampliación de prazos para poder sacar adiante con garantías este importante proxecto, dentro dos compromisos que ten adquiridos o Goberno municipal co tecido empresarial e que se demostran con este tipo de accións.

O responsable de Obras fixo fincapé na forte demanda que existía por parte das empresas asentadas no polígono para acometer estas actuacións, que foron pactadas coa Asociación de Empresarios de Deza (AED) e feitas realidade “a través dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Vilariño insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños e así facilitar na medida do posible a actividade económica industrial no noso municipio e, por ende, a xeración de emprego e riqueza”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín