O CONCELLO CONVOCA REUNIÓNS SECTORIAIS PARA AVANZAR NA REDACCIÓN DO PMUS DE LALÍN

O CONCELLO CONVOCA REUNIÓNS SECTORIAIS PARA AVANZAR NA REDACCIÓN DO PMUS DE LALÍN
Luns 7 de Xaneiro de 2019 - Terán lugar a próxima semana e enmárcanse dentro da parte participativa imprescindible na elaboración deste documento estratéxico.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de anunciar a convocatoria a próxima semana de diferentes reunións sectoriais que terán lugar no concello, como parte das aportacións da cidadanía á redacción do denominado Plan de Mobilidade Urbana e Sostible de Lalín, que está desenvolvendo a empresa Proyestegal S.L. Os encontros terá lugar os días 9 e 10 de xaneiro. Na primeira xornada convócase ás 18.00 horas á Asociación de Taxistas e ás 20.30 ás asociacións de comerciantes e empresarios. Na segunda xornada están convocadas ás 18.00 as ANPAS, a comunidade escolar e as asociacións de persoas con discapacidade e ás 20.00 as asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio. Ademais, tamén se convocarán os grupos políticos aínda que neste caso a data e hora están aínda por fixar.

As reunións enmárcanse dentro da parte participativa imprescindible na redacción do PMUS e terán o obxectivo principal de recoller propostas, ideas suxestións e, en definitiva, toda a sensibilidade da sociedade lalinense con respecto á mobilidade urbana de cara a elaboración do documento. Por iso, entre outras cuestións, tamén se lles entregarán enquisas aos participantes nas que se preguntarán diferentes cuestión relacionadas con como cren os cidadáns que debe ser a mobilidade.

Casares explicou que o PMUS é un documento estratéxico que vai definir a mobilidade urbana de Lalín e vai permitir realizar un diagnóstico acertado sobre esta cuestión, no que se establecerán propostas concretas para actuar a curto, medio e longo prazo sobres os usos urbanos, as vías de comunicación, as zonas onde o tráfico debe ser calmado, os puntos críticos ou a análise e uso do transporte público e espazos públicos de maneira que aumenten a súa calidade, dándolle prioridade ás persoas e á convivencia por enriba dos vehículos. Nesta liña o tenente de alcalde lembrou que algunhas accións para mellorar a mobilidade e que sairán no documento xa foron postas en marcha, tales como a gratuidade do aparcadoiro Aldea Grande ou os proxectos para mellorar a accesibilidade. Neste aspecto, aínda que queda moito por facer xa se deron pasos importantes que continuarán en coordinación cos proxectos que se van executar dentro da estratexia Lalín Ssuma 21.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín