O CONCELLO CONTRATA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A EXECUCIÓN DE SENDAS PEONÍS NA CARBALLEIRA DO RODO, XAXÁN E GOIÁS

O CONCELLO CONTRATA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A EXECUCIÓN DE SENDAS PEONÍS NA CARBALLEIRA DO RODO, XAXÁN E GOIÁS
Venres 9 de Novembro de 2018 - A firma lalinense Lar Taller de Arquitectura S.L será o estudo encargado de elaborar este documento. A iniciativa permitirá seguir avanzando en materia de mobilidade ao tempo que se fomenta a cohesión entre o casco urbano e o rural. Casares e Vilariño sinalaron que as actuacións forman parte dun proxecto “que ten claro que a mobilidade debe ser sostible e segura, cuestión que está na propia vontade do Goberno e na fundamentación da estratexia Lalín Ssuma 21”.

O Goberno de Lalín acaba de aprobar a contratación externa da redacción do proxecto, dirección facultativa de obra e coordinación da seguridade e saúde para construción de sendas peonís verdes na zona da carballeira do Rodo, Xaxán e Goiás. Como apuntou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, trátase dunha importante iniciativa en aras de mellorar a mobilidade urbana sostible e segura mediante a construción de pasarelas peonís de continuidade urbana que comunicarán diferentes zonas periurbanas e que garantirán desprazamentos cómodos, sostibles e seguros. A actuación desenvolverase dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.b A empresa lalinense Lar Taller de Arquitectura S.L será a encargada de elaborar este documento. O traballo foille asignado por 11.980 euros, sendo esta a oferta máis vantaxosa das 5 presentadas. A empresa ten agora un mes para finalizar a redacción do proxecto.

González Casares e Francisco Vilariño, concelleiro responsable do Obxectivo Temático 6 da estratexia Lalín Ssuma 21, sinalan que o proxecto definirá as actuacións necesarias para a construción de sendas peonís verdes e seguras en tres localizacións diferentes:

-Dende a a Carballeira do Rodo ata a urbanización de García Sánchez, constará dunha senda peonil e elementos de seguridade viaria, posteriormente atravesa a Rolda Leste (340m. aproximadamente), onde se prestará especial atención á seguridade e iluminación deste entroque.

-No traxecto da EP-6009 Lalín-Brántega, dende a rotonda de O Rodo nunha das súas marxes ata a intersección coa pista que vai a Xaxán (530 m). Constará dunha senda peonil de 2,5 m de anchura seguindo as recomendacións do departamento de Mobilidade da Deputación. Para a definición da propiedade pública que poida ser ocupada cóntase cun levantamento realizado polo Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, propietaria da vía.

-No traxecto da N-640 entre a rotonda de confluencia coa Rolda Leste ata Bailás no comezo das beirarrúas existentes (430 m.). A conexión farase a través dunha senda peonil enlazando cos predios municipais existentes na zona do centro comercial. Neste caso disporase dun levantamento de definición da propiedade afectada por Fomento, propietaria da N-640.

Casares e Vilariño sinalaron que estas actuacións forman parte dun proxecto “que ten claro que a mobilidade debe ser sostible e segura”. “Esta é a vontade clara deste Goberno” -indicaron- “cuestión que tamén está presente na fundamentación da propia estratexia DUSI e que pon de manifesto a preocupación do Concello por cohesionar o casco urbano cos núcleos rurais máis próximos”. As sendas peonís de continuidade urbana sostible e segura situaranse nos tres casos en lugares nos que se constatou unha forte demanda cidadá destas infraestruturas e permitirán solucionar exemplos manifestos de discontinuidade entre o núcleo central urbano e as zonas próximas.

As actuacións a desenvolver correspóndense coa pavimentación en zahorra ou formigón con anchuras de 1,50 metros a 2,50 metros previa retirada da capa vexetal e nivelación do terreo, explanacións e recheos e posterior instalación de bordos para a delimitación da senda peonil. As actuacións tamén contemplan a instalación de arborado para conformar unha cuberta verde acolledora e sostible e a posta en marcha de novos sistemas de alumeado que permitirán realizar transicións seguras a pé por estas zonas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín