O CONCELLO CONCLÚE A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA CUBRIR A PISTA DEPORTIVA DO GOLMAR E DAR RESPOSTA A UNHA IMPRESCINDIBLE DEMANDA DA COMUNIDADE EDUCATIVA

O CONCELLO CONCLÚE A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA CUBRIR A PISTA DEPORTIVA DO GOLMAR E DAR RESPOSTA A UNHA IMPRESCINDIBLE DEMANDA DA COMUNIDADE EDUCATIVA
Venres 16 de Novembro de 2018 - Rafael Cuíña salienta que é un proxecto que asume de maneira persoal para acelerar a súa tramitación, ante a falta de interese da Xunta de Galicia A proposta do Concello inclúe a maiores habilitar unha viseira que protexa aos nenos da choiva na zona de entrada e saída pola rúa Memorias dun Neno Labrego Nesta última zona, as empresas que concorran ao proxecto tamén poden presentar como mellora a realización dun peche lateral. A efectos de acelerar a tramitación, o documento será remitido esta mesma semana á Consellería de Educación para que o valide, e o Concello iniciará de inmediato a redacción do prego de licitación das obras. O alcalde explicou hoxe os detalles da iniciativa á dirección do centro e a representantes da ANPA. O proxecto ten un orzamento de preto de 150 mil euros, cantidade que se financiará con cargo aos remanentes municipais de 2017.

O alcalde de Lalín informou hoxe de que o Concello xa concluíu a redacción do proxecto para a construción dunha estrutura que permitirá cubrir unha das pistas deportivas exteriores do recinto educativo e habilitar unha viseira na zona de entrada e saída dos escolares. Rafael Cuíña mantivo esta mañá unha reunión con representantes do equipo directivo do centro e membros da Asociación de Nais e Pais para presentarlles os detalles dunha iniciativa que está orzamentada en preto de 150 mil euros e que se financiará con cargo aos remanentes municipais do ano 2017. O rexedor explicoulles aos membros da comunidade educativa que, unha vez rematada a redacción do proxecto (que se elaborou en dúas semanas, tal e como comprometera o alcalde), o documento vaise a remitir esta mesma semana á Consellería de Educación para que o analice e lle dea o seu visto e prace, ao realizarse dentro dunhas instalacións que son da súa competencia directa.

Desta maneira, o alcalde reiterou a súa intención de axilizar toda a tramitación dunha iniciativa que vai dar resposta a unha vella demanda de profesores, pais e escolares, e co que se vai mellorar de maneira substancial a calidade das instalacións en beneficio de todo o alumnado. Ao mesmo tempo, o rexedor lembrou que este investimento vaise financiar con cargos aos fondos procedentes dos remanentes do ano 2017, cuxo destino se aprobou por consenso no pleno extraordinario do pasado 17 de outubro. “Con todo”, incidiu Cuíña, “decidín asumir persoalmente este proxecto, que me fai especial ilusión polo que supón de mellora das condicións das rapazas e rapaces que están matriculados no centro”.

Nesta liña, indica que, “dende o primeiro momento estiven enriba da súa tramitación para acelerala dentro do posible e cumprir as expectativas e os compromisos adquiridos coa comunidade educativa e que a Consellería de Educación non foi capaz de atender en todos estes anos”. Cuíña tamén explicou que o Goberno lle vai reclamar á Xunta que cumpra outra das demandas do centro e que, ao igual que esta que agora asume o Concello, forma parte das competencias da Consellería: trátase da pérgola para o patio correspondente á alumnas e alumnos de educación infantil, unha estrutura tamén moi necesaria para incrementar a calidade do espazo para o alumnado de menor idade. En calquera caso, o alcalde sostivo que, en caso de que a Xunta non cumpra coas súas obrigas, o Concello tamén estaría disposto a asumir esta iniciativa, como o está a facer no caso da cuberta do patio.

O proxecto

A zona que se vai cubrir está emprazada no patio interior do colexio e na actualidade atópase á intemperie, polo que non permitía o seu uso para a práctica deportiva e recreativa nos días de mal tempo. A superficie a cubrir ten uns 44 metros de lonxitude por 25 metros de ancho, cunha altura libre mínima na zona máis baixa duns 6 metros.

De maneira xeral, para cubrir esa pista deportiva estímase que se deberá proceder á execución dunha estrutura metálica en piares sobre cimentación de formigón. A cuberta realizarase mediante unha estrutura metálica en formación de cerchas, correas e cubrición mediante dobre chapa con illante intermedio, con canalóns de recollida e baixantes. Unha vez realizada a cubrición, deberase proceder á reparación da pista para deixala en perfecto estado de uso para a práctica de deportes. Como mellora, as empresas que se presenten ao proceso de licitación tamén poden ofrecer

Ademais, con cargo a esta mesma iniciativa e a maiores do que se contemplaba inicialmente, na zona de acceso pola rúa memorias dun Neno Labrego, vaise realizar unha cuberta que prolongará a existente na actualidade para que chegue ata a porta de entrada. Esta viseira realizarase en chapa de idénticas características á que xa hai na zona, tanto en deseño como en tipoloxía de materiais e acabados. No prego que se saque a licitación, tamén se lles dará ás empresas que concorran ao concurso que ofrezan como mellora a realización dun peche lateral para que esta zona de acceso estea aínda máis protexida das inclemencias meteorolóxicas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín