O CONCELLO CONCEDE 22.800 EUROS A 8 ASOCIACIÓNS DO ÁMBITO DOS SERVIZOS SOCIAIS NUN NOVO RÉCORD HISTÓRICO DE AXUDAS MUNICIPAIS A ESTE S COLECTIVOS

O CONCELLO CONCEDE 22.800 EUROS A 8 ASOCIACIÓNS DO ÁMBITO DOS SERVIZOS SOCIAIS NUN NOVO RÉCORD HISTÓRICO DE AXUDAS MUNICIPAIS A ESTE S COLECTIVOS
Mércores 14 de Novembro de 2018 - Casares lembrou que coa entrega destas subvencións, o Goberno dedicou máis de 87.000 euros a axudas directas a entidades do eido dos servizos sociais nos últimos 3 anos. Este programa que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo servirá para promover a iniciativa social, a participación comunitaria ou o asociacionismo solidario e a innovación en materia de prestación de servizos sociais.

O tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, vén de anunciar a aprobación da resolución definitiva das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actuacións no ámbito dos servizos sociais durante o 2018. O Concello de Lalín destinou este ano á presente orde de axudas un total de 22.800 euros, o que, tal e como lembra o concelleiro “nos sitúa nunha nova cifra récord de aportación a este tipo de colectivos e representa unha nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”. Casares lembrou que esta partida serve para financiar programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe e que se desenvolveran ata o día 15 deste mes. Neste sentido recordou que o prazo para presentar a documentación de xustificación remata o día 30 de novembro.

Coa entrega destas subvencións, o Goberno dedicou 87.000 euros a axudas directas a entidades do eido dos servizos sociais nos últimos 3 anos, entre este plan, que foi aumentando a cantidade pasando de 15.000 euros en 2016, a 20.000 no 2017 e a 22.800 neste ano, e convenios de diferentes tipo como os asinados con Aspadeza ou Apalc.

Así, en palabras do concelleiro, este programa que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo servirá para promover a iniciativa social, a participación comunitaria ou o asociacionismo solidario e a innovación en materia de prestación de servizos sociais. Tamén se pretenden fomentar iniciativas que promovan a inclusión social e que loiten contra as desigualdades, apoiar a profesionalización das entidades de prestación social sen ánimo de lucro ou corrixir déficits na cobertura ou na prestación de servizos sociais por parte da administración municipal. Casares explicou que a activación destas achegas municipais xa permitiu levar a cabo nos últimos anos importantes programas a favor da integración de persoas con diversidade funcional, mellorar a atención sociosanitaria, activar programas de educación comunitaria e, en definitiva, mellorar a solidariedade do concello de Lalín con aqueles que máis o precisan. Ademais, estas subvencións tamén permiten a contratación de profesionais do ámbito do traballo social por parte das asociacións, de xeito que “non só estamos axudando a entidades sen ánimo de lucro de cara a fins sociais, senón que tamén estamos favorecendo o emprego colaborando no pago de salarios”.

De acordo coas valoracións da comisión avaliadora, o reparto de achegas quedou resolto da seguinte maneira:

Afem Morea (3.200 euros), Carableo (4.000 euros), Cruz Vermella (910 euros), Apalc (5.595 euros), Aranes (4.700 euros) AECC (927 euros), Zobra Camiña (907 euros) e O Mencer (2.560 euros)

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín