O Concello organiza para este venres, 9 de novembro, a segunda edición do Magosto Tradicional de Lalín, unha iniciativa de carácter cívico, social e lúdico que se puxo en marcha o ano pasado por primeira vez con gran éxito de participación. O evento, aberto a todas aquelas persoas que queiran acudir, desenvolverase nesta ocasión no Campo da Feira, onde ademais da tradicional degustación de produtos típicos destas datas, tamén se contará coa participación dunha charanga e dunha orquestra para amenizar a noite.
O magosto iniciarase a partir das nove e media da noite coa actuación da charanga Los Verbeneros, que acompañarán coa súa música a degustación gratuíta de castañas, torresmos con bóla, chourizos do pincho, castañas, bica, café e viño. Unha vez avance a noite, e para incidir no aspecto máis festivo do evento, a música da charanga Los Verbeneros dará paso á actuación da orquestra Gran Parada. Para que o programa de actos se poida desenvolver sen problemas, independentemente das condicións meteorolóxicas, o Concello instalará unha carpa no lugar de celebración para que os asistentes poidan desfrutar das actividades programadas a resgardo da choiva.
Con esta iniciativa, o Concello de Lalín volve activar un festexo que tivo unha excepcional acollida o ano pasado e que non só serviu para celebrar á maneira tradicional o outono, senón tamén para poñer en valor os produtos da terra e dinamizar a actividade social e cultural da vila ás portas da fin de semana. O evento enmárcase na serie de medidas que está a activar o Goberno municipal co obxectivo de recuperar o ambiente a través de pequenas iniciativas públicas e que están demostrando ser unha medida moi positiva para veciños, comerciantes e hostaleiros.
O Concello convida a toda a veciñanza e visitantes a acudir para reeditar o bo ambiente que se respirou o ano pasado durante un festexo onde unha gran cantidade de nenos, nenas, veciñas e veciños de toda condición persoal e política compartiron xogos, risas, conversas, anécdotas etc. baixo un paraugas de perfecta harmonía e nunha noite chea de diversión.