O CONCELLO CEDE ESPAZOS PÚBLICOS PARA A PRÁCTICA DA ARTE URBANA DO GRAFITI

O CONCELLO CEDE ESPAZOS PÚBLICOS PARA A PRÁCTICA DA ARTE URBANA DO GRAFITI
Mércores 27 de Febreiro de 2019 - A iniciativa, tal e como explicou Nicolás González Casares, busca por un lado embelecer os entornos urbanos de zonas como a Praza Aldea Grande e, por outro, facilitarlle á mocidade que a practica o grafiti os espazos adecuados para as súas creacións.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, acompañou onte aos mozos e mozos que coa autorización do Concello están realizando grafitis nos muros da praza superior do aparcamento público Aldea Grande. Como sinalou, ante gran cantidade de rapaces e rapazas que practican esta actividade en Lalín e a demanda recibida, decidimos poñer á súa disposición muros libres como os da praza Aldea Grande e posteriormente valoraremos outros espazos do casco urbano, para que poidan realizar os seus grafitis de forma legal.

Os espazos para pintar e as diferentes creacións -sinalou o tenente de alcalde- realízanse de maneira pactada co Concello. A iniciativa, tal e como explicou, busca por un lado embelecer os entornos urbanos de zonas como a Praza Aldea Grande onde se ubica un parque infantil, unha cancha multideporte e un módulo de parkour e, por outro, promover esta arte urbana facilitándolle á mocidade que a practica os espazos adecuados. Tamén é importante destacar que o desenvolvemento deste tipo de murais reduce considerablemente as accións vandálicas consistentes na realización de pintadas en espazos públicos e privados que ensucian os espazos e o mobiliario urbano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín