O CONCELLO AVANZA NA TRAMITACIÓN DO PROXECTO PARA A REFORMA DA PRAZA DA VILA

O CONCELLO AVANZA NA TRAMITACIÓN DO PROXECTO PARA A REFORMA DA PRAZA DA VILA
Luns 22 de Outubro de 2018 - A proposta do Concello acaba de recibir o visto e prace da dirección xeral de Patrimonio e a resolución favorable da Deputación para o investimento, que se financiará a través do Plan Concellos. A iniciativa está orzamentada en 320 mil euros. O proxecto permitirá poñer en valor un espazo neurálxico, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional.

O Concello de Lalín vén de recibir dous importantes permisos para poder acometer a próxima reforma da Praza da Vila, un proxecto que permitirá poñer en valor de maneira moi importante un dos espazos urbanos neurálxicos e máis concorridos de Lalín, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional para toda a veciñanza. En concreto, nesta semana recibiuse a pertinente autorización da dirección xeral de Patrimonio, cuxo visto e prace era necesario xa que a iniciativa que se vai a desenvolver está na zona de protección da igrexa de Lalín. Por outra banda, o Concello tamén conta coa resolución favorable da Deputación De Pontevedra para realizar o investimento. As actuacións contan cun orzamento de 320 mil euros, que se financiarán con cargo á liña 1 do Plan Concellos deste organismo provincial.

Unha vez se conta con todas as autorizacións requiridas, o Concello ten previsto sacar a licitación esta iniciativa que -tras a súa adxudicación- terá un prazo máximo de execución de tres meses. Con esta intervención mellorarase a calidade do espazo urbano para os veciños, co acondicionamento e integración das zonas separadas nun único espazo. A reforma tamén significará a revitalización e o rexuvenecemento urbano en beneficio e proveito dos veciños de Lalín, en especial de nenas e nenos coa creación de novos xogos, con deseño exclusivo e adaptado ao entorno, para diferentes grupos de idades.

Na actualidade a praza da Vila é un gran espazo aberto dividido en varias zonas por sendas pavimentadas, cumprindo funcións de parque infantil, así como de lugar de conmemoración e de encontro. Esta situación provoca un desequilibrio nos seus usos, xa que existe unha elevada densidade de usuarios na zona de xogos, mentres que o resto dos espazos están practicamente baleiros. Agora, con esta reforma, propiciarase que a zona sexa moi máis diáfana, máis limpa e menos compartimentada.

Con este obxectivo, faise unha proposta que solventa o desnivel existente entre a zona máis alta e máis baixa da mesma, xerando un percorrido que guía ao usuario e que a fai moito máis accesible e cómoda para os cidadáns. Para materializar isto vanse realizar unha serie de bancais, xerando plataformas a distintas cotas. Por outra banda, para marcar límites e delimitar espazos, empregaranse diferentes solucións de pavimento. Os xogos do parque van ser en todo caso un punto fundamental do proxecto, con zonas para diferentes grupos de idade e con deseño único e novidoso, feito ex profeso para este espazo.

En calquera caso, e para diminuír o risco de impacto por alteración de elementos e relacións que xa forman parte da memoria colectiva, procederase á reciclaxe urbana de diferentes elementos. É o caso da fonte de xogos de auga, cuxos vasos se van aproveitar para convertelos nun montículo para a zona de xogo. Desta maneira, a fonte convertirase nun elemento diferenciador, integrado no terreo, e que tamén servirá para xogar, pero conservando os elementos característicos do seu perímetro. A primeira fase, que comprende á zona máis próxima á Igrexa, incluirá a instalación de zonas de xogo cilíndrico e redes, areeiro, tobogáns, trampolín, túneles, medias olivas, semiesferas de caucho, pasos elevados, xogo trepa ou anel inclinado, entre outros.

Nunha fase posterior tamén se reciclará o palco da música, ao tempo que se reubican as esculturas e o monolito conmemorativo no lugar de maior visibilidade. No que respecta ás árbores, e sempre contando coas proteccións necesarias, formarán parte dos xogos infantís, que se deseñaron de maneira única para este lugar.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín