O CONCELLO APROBA A URBANIZACIÓN DO TREITO DA ROLDA LESTE COMPRENDIDO ENTRE A GLORIETA DE RODEIRO E A RÚA GARDA CIVIL

Mércores 2 de Xaneiro de 2019 - Trátase dun proxecto presentado por un particular para poder obter unha licencia permitirá dotar de beirarrúas e servizos públicos urbanos este zona actualmente sen urbanizar. González Casares sinala que dende o Concello se van estudar as diferentes posibilidades existentes para executar este proxecto e se vai valorar se é o Concello sexa quen debe proceder a realizar as obras. Dende a concellería de Urbanismo fixéronse as xestións necesarias para que no proxecto presentado polos promotores se tivese en conta o plan de rehabilitación da zona histórica de Lalín de Arriba, que contacta con esta zona.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, informou hoxe de que o Goberno de Lalín vén de aprobar inicialmente o proxecto de urbanización do tramo da Rolda Leste comprendido entre a rotonda da PO-533 (Lalín-Alto do Faro), coñecida como rotonda de Rodeiro, e a rúa Garda Civil. Trátase dun proxecto de urbanización presentado por un particular e redactado polo arquitecto, José Ramón Romero Riádigos, que permitirá dotar de beirarrúas e servizos públicos urbanos este zona actualmente sen urbanizar. Como explica Casares, uns veciños da localidade van construír unha vivenda unifamiliar nunha parcela ubicada nesta zona da súa propiedade e, segundo o establecido no PXOM, para que os interesados poidan obter licencia teñen que entregar o proxecto de urbanización. Porén -explica- grazas á existencia do mencionado proxecto, que foi preceptivo no Concello, nun tempo non moi lonxano poderse urbanizar este treito do casco urbano. Por este motivo, o tenente de alcalde tamén agradeceu este trámite aos promotores da actuación.

Casares sinala que tras a súa aprobación inicial en Xunta de Goberno, agora é preciso someter o citado proxecto de urbanización a información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Beletín Oficial da provincia de Pontevedra, na prensa e no taboleiro municipal de edictos. Agora -engade González Casares- dende o Concello imos estudar as diferentes posibilidades existentes para executar este proxecto de urbanización, tendo en conta que se trata dun tramo xa consolidado dentro do casco urbano, de modo que se vai valorar se é o Concello quen debe proceder a realizar unhas obras que contemplan a construción de beirarrúas, elementos de seguridade viaria, prazas de estacionamento para discapacitados, cuberta verde etc.

Neste sentido, Nicolás González Casares explica que dende a concellería de Urbanismo se fixeron as xestións necesarias para que no proxecto presentado polos promotores se tivese en conta o plan de rehabilitación da zona histórica de Lalín de Arriba, que contacta con esta zona e que se vai executar o ano que vén dentro da estratexia DUSI financiada nun 80% con fondos europeos FEDER, Lalín Ssumma 21. Así a urbanización deste treito da Rolda Leste acometerase -tal e como recolle o proxecto- de tal xeito que se ensamblará sen ningún tipo de problema coas obras contempladas neste programa. A rehabilitación da zona histórica de Lalín de Arriba enfocarase á humanización do entorno da igrexa parroquial, para mellorar o aspecto xeral da zona. Isto levarase a cabo, entre outras cuestións, mediante a adecuación das calzadas, que neste caso entroncan coa zona a urbanizar da Rolda Leste.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín