O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, informa de que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o prego de cláusulas económico-administrativas que rexerán a contratación das obras de demolición do antigo colexio Manuel Rivero e a posterior explanación da parcela. Esta actuación está incluída na estratexia Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sostible, POCS 2014-2020. Como explicou o Casares, tras a aprobación do prego, a actuación será publicada na Plataforma de Contratación do Estado, momento no que se abrirá un prazo de 20 días para a presentación de ofertas por parte das empresas. Se todo o procedemento se desenvolve segundo os prazos previstos, a demolición podería estar finalizada antes de rematar o ano.
A demolición desta infraestrutura e a explanación da parcela é necesaria para poder construír no seu lugar o novo albergue de peregrinos e para darlle continuidade ás rúas e ás rasantes finais da parcela resultante. O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio Manuel Rivero, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. As edificacións que compoñen o conxunto do antigo colexio son 3: dous espazos docentes de idénticas características e un terceiro edificio que era destinado a ximnasio. O titular de urbanismo lembrou que os inmobles se atopan abandonados dende hai anos e non reúnen unhas mínimas condicións de habitabilidade, polo que para darlle un novo uso constatouse que a alternativa técnica e economicamente máis viable é a súa demolición.
Para derrubar a empresa adxudicataria das obras deberá empregar diferentes métodos de traballo, tales como ferramentas manuais e outros mecánicos de percusión, corte e perforación ou empuxe e tracción. Antes de iniciar a demolición do edificio a zona deberá ser protexida debidamente, xa que nas rúas circundantes existe unha afluencia continua de vehículos e peóns, de modo que é necesario tomar as medidas de seguridade oportunas. Entre estas procederase á colocación dun valado de seguridade que evitará entradas indesexadas ao recinto e garantirá por completo as condicións de seguridade.
A demolición efectuarase de arriba cara abaixo de maneira ordenada e intentando que se vaia desenvolvendo sempre ao mesmo nivel. Como primeiro paso procederase á retirade selectiva de enseres e mobiliario, así como elementos de tabiquería, para dar paso a falsos teitos, escaleiras etc. eliminando finalmente os muros e as cimentacións ata deixar a zona completamente limpa e explanada.
Como lembrou González Casares, o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros, o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil, entre outras cuestións.