O CONCELLO ADXUDICA POR PRETO DE 83 MIL EUROS A AMPLIACIÓN E MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN BUSTELO, ANZO, PALMOU, MADRIÑÁN E GONDORIZ

O CONCELLO ADXUDICA POR PRETO DE 83 MIL EUROS A AMPLIACIÓN E MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN BUSTELO, ANZO, PALMOU, MADRIÑÁN E GONDORIZ
Xoves 13 de Septembro de 2018 - O proxecto, que se levará a cabo con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, será executado pola empresa Taboada y Ramos, A iniciativa contempla a construción de novos depósitos en Bustelo e Anzo e a ampliación da rede de subministro en Palmou, Madriñán e Gondoriz, Medela e González Casares explicaron que as actuacións servirán para dar resposta ás demandas veciñais sobre o abastecemento e para corrixir as carencias que se producen en verán,

O concello de Lalín ven de adxudicarlle á empresa Taboada y Ramos o proxecto para ampliar e mellorar as infraestruturas de abastecemento de auga nas localidades de Bustelo (Lebozán), Anzo, Palmou, Madriñán e Gondoriz (Vilatuxe). Estas actuacións, que contaban cun orzamento de licitación de 108.330 euros, foron adxudicadas por unha cantidade final de 82.709 euros, que se financiarán con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018.

Os concelleiros Miguel Medela e Nicolás González Casares explicaron que as obras servirán para mellorar os servizos de abastecemento de auga nas localidades onde se vai actuar mediante a construción de novas infraestruturas e a ampliación dos sistemas de traída de augas, para dar resposta ás demandas veciñais. Ao mesmo tempo tamén minimizarán os riscos de desabastecemento que se están producindo cada verán durante os últimos anos.

De maneira específica, o proxecto contempla en primeiro lugar a construción dun depósito de auga do lugar de Bustelo, na parroquia de Lebozán. O depósito existente actualmente, que se sitúa na zona da captación presenta un estado moi deteriorado, con importantes fendas que provocan que non garde auga, inhabilitándoo por completo para o uso que debe prestar. Porén, construírase un novo con capacidade para albergar 15 metros cúbicos, nunha zona con maior accesibilidade e próximo á vía pública é máis próximo ao punto medio de consumo, que permitirá un óptimo aproveitamento e subministro da auga mediante a adaptación da liña de abastecemento.

Os núcleos da parroquia de Anzo abastécense de dous depósitos: un de reserva xeral, que serve para alimentar a maioría das aldeas e bebe do manantial de Porta Remoire, e outro pequeno que se alimenta da cima de Alemparte e serve os núcleos de Castro e Outeiro. Ámbolos depósitos teñen perdas considerables debidas ao seu deterioro, polo que despois de estudar varias solucións para arranxalos, decidiuse construír dous novos, previo derrubo dos existentes.

Na parroquia de Palmou, e máis concretamente no lugar de Rielo, os residentes veñen sufrindo cada verán importantes problemas de abastecemento por mor da escaseza de chuvias. Varias vivendas deste núcleo non teñen conexión á rede de abastecemento municipal que discorre cara Palio pola estrada EP:6009 e que debido á súa cercanía con Rielo se vai aproveitar para entrocarse nela, ampliando a rede de subministro e dando unha solución ás carencias en verán. Por último, tamén se ampliará a rede de abastecemento a vivendas do núcleo de Gondoriz Grande (Vilatuxe), aproveitando a rede de distribución existente no lugar sen servizo para alimentala en cabeceira cunha liña dende Gondoriz Pequeno. Asemade, O Concello acometerá a ampliación da rede de abastecemento ata Madriñán, aproveitando a arteria de subministro de Noceda e levándoa pola estrada EP.6005 ata os núcleos cercanos para solucionar problemas de abastecemento e dar servizo á veciñanza.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín