O CONCELLO ADXUDICA O PROXECTO DE DEMOLICIÓN DO ANTIGO COLEXIO MANUEL RIVERO

O CONCELLO ADXUDICA O PROXECTO DE DEMOLICIÓN DO ANTIGO COLEXIO MANUEL RIVERO
Luns 14 de Xaneiro de 2019 - A empresa Sergonsa Servicios S.L acometerá a actuación por un importe de 66.416,90 euros. González Casares lembrou que o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros. Permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor e recuperar para a veciñanaza unha superficie abandonada de máis de 3.500 metros cadrados.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, informa de que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do contrato para a demolición do antigo colexio Manuel Rivero e explanación da parcela. Esta actuación está incluída na estratexia Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sostible, POCS 2014-2020. Finalmente o proxecto foille adxudicado á empresa Sergonsa Servicios S.L por un importe de 66.416,90 euros IVE incluído nun procedemento aberto onde as mesas de contratación estiveron presididas polo alcalde, Rafael Cuíña. Casares sinalou que este proceso de contratación se alongou máis do previsto xa que presentaron ofertas un número moi importante de empresas sendo necesario estudar varias baixas temerarias ata chegar á adxudicación definitiva.

O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio Manuel Rivero, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. As edificacións que compoñen o conxunto do antigo colexio son 3: dous espazos docentes de idénticas características e un terceiro edificio que era destinado a ximnasio. O titular de urbanismo lembrou que os inmobles se atopan abandonados dende hai anos e non reúnen unhas mínimas condicións de habitabilidade, polo que para darlle un novo uso constatouse que a alternativa técnica e economicamente máis viable é a súa demolición.

A demolición, que comezará en poucos días tras a sinatura do contrato, realizarase a través de diferentes métodos de traballo, tales como ferramentas manuais e outros mecánicos de percusión, corte e perforación ou empuxe e tracción. Antes de iniciar a demolición do edificio a zona deberá ser protexida debidamente, xa que nas rúas circundantes existe unha afluencia continua de vehículos e peóns, de modo que é necesario tomar as medidas de seguridade oportunas. Entre estas procederase á colocación dun valado de seguridade que evitará entradas indesexadas ao recinto e garantirá por completo as condicións de seguridade. Efectuarase de arriba cara abaixo de maneira ordenada e intentando que se vaia desenvolvendo sempre ao mesmo nivel. Como primeiro paso procederase á retirade selectiva de enseres e mobiliario, así como elementos de tabiquería, para dar paso a falsos teitos, escaleiras etc. eliminando finalmente os muros e as cimentacións ata deixar a zona completamente limpa e explanada.

Como lembrou González Casares, o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros, o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil, entre outras cuestións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín