O CONCELLO ADXUDICA O CONTRATO PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO QUE DEFINIRÁ O CINTO VERDE DE LALÍN

O CONCELLO ADXUDICA O CONTRATO PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO QUE DEFINIRÁ O CINTO VERDE DE LALÍN
Luns 14 de Xaneiro de 2019 - O documento será elaborado por Redondo Valladares y Rodríguez Arquitectos SLP por 28.350 euros. Casares lembrou que a actuación terá o Pontiñas como eixo principal e, utilizando camiños xa existentes, creará un nó de conexións peonís que enlazarán con puntos do entorno de Lalín e mellorarán a mobilidade urbana a pé. Alberto Redondo, de RVR Arquitectos, considera que unha das partes máis destacables do proxecto radica na posibilidade que ofrece de recuperar camiños tradicionais para darlles unha nova vida ao tempo que se conserva a súa esencia orixinal.

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de anunciar a adxudicación definitiva do contrato para a redacción do proxecto de execución e definición dos diferentes tramos do denominado Cinto Verde de Lalín, que contempla tamén a dirección facultativa desta obra. Esta iniciativa conta cun importante orzamento dentro da estratexia Lalín Ssuma 21 financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa operativo 2014-2020, que alcanzará uns 770.000 euros de investimento. A redacción do proxecto técnico foille adxudicado ao estudo Redondo Valladares y Rodríguez Arquitectos SLP por 28.350 euros dos 45.700 que o Concello tiña orzamentados para esta actuación. Esta foi a única oferta presentada ao concurso público aberto de contratación. O empresa ten agora 2 meses para realizar o traballo.

Precisamente, González Casares e Alberto Redondo, membro do estudo arquitectónico, presentaron hoxe esta iniciativa e visitaron algúns dos puntos máis significativos do futuro Cinto Verde, como é o acceso dende o Regueiriño ao Paseo do Pontiñas. Casares lembrou que este proxecto terá o propio Paseo como eixo principal e, utilizando camiños xa existentes creará un nó de conexións peonís que mellorarán a mobilidade urbana a pé e que enlazarán con puntos como pode ser Donramiro e, ademais, achegará o propio paseo ao casco urbano. Casares considera este proxecto como un dos máis significativos dentro da estrataxia Lalín Ssuma 21 e afirma estar satisfeito de que un estudo tan prestixioso como RVR Arquitectos, que a nivel galego ten desenvolvido propostas moi importantes, sexa o encargado de redactar o proxecto técnico. O responsable de Urbanismo fixo fincapé en que esta actuación vai constituír un dos eixos vertebradores da nosa vila e vai reforzar o Paseo de Pontiñas como a referencia que todos os lalinenses temos de zona urbana verde.

Pola súa banda o arquitecto, Alberto Redondo, considera que unha das partes máis destacables do proxecto radica na posibilidade que ofrece de recuperar camiños tradicionais que teñen un valor moi importante e que co paso dos anos e a apertura de pistas modernas foron quedando en desuso. Buscarlles unha nova vida -engadiu- unindo puntos do entorno de Lalín de forma peonil e que isto, ao mesmo tempo, sirva para recuperar patrimonio, paréceme unha cuestión do máis interesante. A idea que vai seguir RVR Arquitectos para desenvolver a redacción do proxecto fundamentarase -segundo explicou Redondo- en acondicionar os camiños sen que perdan a súa esencia e conservando o seu valor orixinal.

O Cinto Verde permitirá que edificios públicos como o Lalín Arena, o auditorio e os centros educativos teñan unha masa verde preto e estean conectados á hora de moverse a pé. O obxectivo é crear novos itinerarios para dotar de novas posibilidades para camiñar veciños e visitantes aproveitando camiños públicos e zonas públicas. Dentro da iniciativa destacan dúas actuacións que se consideran prioritarias. Trátase, por un lado, da programada para o Regueiriño, na zona próxima ás canchas deportivas, onde se ampliarán as franxas verdes eliminando un dos carrís de circulación para “acercar o paseo de Pontiñas a Lalín”. Por outra banda, tamén destaca a actuación proposta para a zona superior do Pontiñas, onde se habilitarán novos camiños no antigo embalse do Pontillón que incluso poderían contemplar a instalación de zonas de descanso con gradas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín