O CONCELLO ACOMETERÁ UN NOVO PROGRAMA DE MELLORAS EN ENTORNOS SERVIZOS E INFRAESTRUTURAS DE NÚCLEOS DA SERRA DO CANDÁN CON CARGO AO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

O CONCELLO ACOMETERÁ UN NOVO PROGRAMA DE MELLORAS EN ENTORNOS SERVIZOS E INFRAESTRUTURAS DE NÚCLEOS DA SERRA DO CANDÁN CON CARGO AO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL
Martes 5 de Febreiro de 2019 - Trátase dun novo proxecto que se levará a cabo no marco do denominado “Plan Candán”, destinándose nesta fase un total de 102.006,59 euros. Servirá para acondicionar camiños, mellorar a seguridade viaria nalgúns puntos, acometer drenaxes e mellorar sumidoiros, cubrir de xeito estético colectores do lixo e incluso retirar vertedoiros ilegais para converter a superficie nun espazo de uso lúdico. A única actuación deste proxecto contemplada fóra da Rede Natura levarase a cabo en Filgueira co arranxo do acceso ao centro social e do camiño que o comunica co polígono Lalín 2000. González Casares destacou o esforzo realizado polo Concello dentro do Plan Candán destinando recursos a seguir incrementando os servizos nunha zona de gran valor ambiental onde os veciños tamén deben contar coas condicións de habitabilidade adecuadas.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de anunciar que o Concello de Lalín levará a cabo este ano un importante proxecto para mellorar servizos, entornos e infraestruturas situadas, principalmente, en zonas da Rede Natura 2000 da Serra do Candán. Trátase dun novo programa que se levará a cabo no marco do denominado “Plan Candán”, un plan que busca a promoción e posta en valor desta serra, destinándose nesta fase un total de 102.006,59 euros, unha cantidade á que se acolle o Concello de Lalín ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental 2019.

O programa, tal e como apuntou o concelleiro, servirá para acondicionar camiños, mellorar a seguridade viaria nalgúns puntos, acometer drenaxes e mellorar sumidoiros, cubrir de xeito estético colectores do lixo e incluso retirar vertedoiros. Todas estas actuacións -explicou- servirán para dar resposta ás demandas veciñais e para contribuír ao desenvolvemento rural e a habitabilidade dos espazos situados -principalmente- en plena Rede Natura.

Deste modo, tal e como adiantou González Casares, o proxecto contemplará, en primeiro lugar, a mellora do firme e das drenaxes do camiño que une os núcleos de Acevedo e o alto de Liñeiras, na parroquia de Zobra, que conta con máis dun quilómetro de lonxitude e presenta actualmente un estado de importante deterioro. Por outra banda, no lugar de Moa proxéctase a execución de melloras na seguridade viaria nos accesos ao núcleo, o adecentamento da zona na que se ubica o local social e a mellora da iluminación pública. Así mesmo, contémplase a instalación de elementos de cubrición dos colectores do lixo para incrementar as condicións estéticas do lugar e aminorar o seu impacto na paisaxe.

No caso de Bustelos (Vilatuxe), o Concello acometerá a mellora da drenaxe e do saneamento de pluviais co obxectivo de evitar as riadas sobre a estrada nos períodos de moita chuvia. Neste núcleo, ao igual que en Moa, tamén se instalarán elementos estéticos para cubrir os colectores e integralos na paisaxe. Outra das actuacións máis importantes dentro deste plan levarase a cabo no lugar de Portela, onde se eliminará o vertedoiro de inertes existente para adecentar posteriormente esta superficie e transformala nun espazo de uso veciñal.

Finalmente, a única actuación que se acometerá nunha zona externa á Rede Natura levarase a cabo na parroquia de Filgueira coa mellora do firme do camiño que atravesa a carballeira e dá acceso ao local social e que comunica, ao mesmo tempo, a zona co polígono Lalín 2000 e coa parroquia de Santiso.

Casares puxo de relevo a trascendencia destas actuacións, que permitirán seguir incrementando os servizos no rural e dar resposta a cuestións moi importantes para os veciños e veciñas que habitan a Serra do Candán. O tenente de alcalde destacou o esforzo realizado polo Concello dentro do Plan Candán destinando recursos aos espazos da Rede Natura, onde polas súas condicións especiais de protección pode ser especialmente complexa a execución de obras e investimentos en beneficio dos veciños e veciñas que, deste xeito, se poden solventar. González Casares fixo fincapé en que este novo programa implica intervencións nalgúns dos lugares máis afastados do municipio, que amais de teren un enorme valor ambiental teñen que contar cos servizos públicos adecuados para a súa habitabilidade. Porén, puxo de relevo as actuacións xa acometidas neste territorio dentro do programa, tales como a creación da rede de sendeiros, o proxecto de saneamento de Zobra ou a mellora dos sistemas de abastecemento en Vilatuxe e Lebozán. Finalmente destacou a aposta decidida do Goberno municipal por fomentar o coñecemento da Serra do Candán e por poñer en valor de modo sustentable este importante espazo natural do concello de Lalín que, non obstante non debe ser unicamente un espazo de referencia para os amantes da natureza, senón que os veciños e veciñas se deben sentir cómodos e gozar dos servizos adecuados.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín