O CONCELLO ACOMETERÁ A REFORMA DA PRAZA DA VILA CUN INVESTIMENTO DE 320 MIL EUROS

O CONCELLO ACOMETERÁ A REFORMA DA PRAZA DA VILA CUN INVESTIMENTO DE 320 MIL EUROS
Xoves 27 de Septembro de 2018 - A concelleira de Parques e Xardíns salienta que a proposta permitirá poñer en valor un espazo neurálxico, facñendoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional. O alcalde significa a revitalización e rexuvenecemento desta zona urbana cun deseño máis aberto e xogos adaptados ao entorno. Membros do estudio de arquitectura Promove presentaron esta semana a iniciativa ao tenete de alcalde e á edil de Parques e Xardíns. A actual fonte integrarase no terreo, converténdose nun montículo para zona de xogos, pero conservando os seus elementos diferenciadores. O Concello xa solicitou os correspondentes permisos a Patrimonio, para poder sacar a licitación as obras no menor prazo de tempo.

A concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, anunciaron hoxe a próxima reforma da Praza da Vila, unha proposta que “permitirá poñer en valor de maneira moi importante un dos espazos urbanos neurálxicos e máis concorridos de Lalín, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional para toda a veciñanza”. O Concello, que xa conta co proxecto básico e de execución, ten previsto realizar na súa primeira fase un investimento próximo aos 320 mil euros, que se financiarán con cargo á liña 1 do Plan Concellos da deputación provincial de Pontevedra.

Alonso explicou que o Concello xa solicitou os correspondentes permisos á dirección xeral de Patrimonio, un departamento co que se está en contacto permanente para realizar as modificacións necesarias a un proxecto que está dentro do ámbito de protección da Igrexa de Lalín. Unha vez se conte con todas as autorizacións, o Concello sacará a licitación esta iniciativa que -tras a súa adxudicación- terá un prazo máximo de execución de tres meses. “Con esta intervención”, afirma a concelleira, “mellorarase a calidade do espazo urbano para os veciños, co acondicionamento e integración das zonas separadas nun único espazo”. Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, indicou que a reforma significará “a revitalización e o rexuvenecemento urbano en beneficio e proveito dos veciños de Lalín, en especial de nenas e nenos coa creación de novos xogos, con deseño exclusivo e adaptado ao entorno, para diferentes grupos de idades”.

Na presentación do proxecto (na que ademais de Celia Alonso estivo o tenete de alcalde, Nicolás González Casares) o arquitecto Abel Mato -do estudio PROMOVE-, lembra que actualidade a praza da Vila é un gran espazo aberto dividido en varias zonas por sendas pavimentadas, cumprindo funcións de parque infantil, así como de lugar de conmemoración e de encontro. Esta situación provoca un desequilibrio nos seus usos, xa que existe unha elevada densidade de usuarios na zona de xogos, mentres que o resto dos espazos están practicamente baleiros. Agora, con esta reforma, propiciarase que a zona sexa moi máis diáfana, máis limpa e menos compartimentada.

Con este obxectivo, faise unha proposta que solventa o desnivel existente entre a zona máis alta e máis baixa da mesma, xerando un percorrido que guía ao usuario e que a fai “moito máis accesible e cómoda para os cidadáns”. Para materializar isto vanse realizar unha serie de bancais, xerando plataformas a distintas cotas. Por outra banda, para marcar límites e delimitar espazos, empregaranse diferentes solucións de pavimento. Os xogos do parque van ser en todo caso un punto fundamental do proxecto, con zonas para diferentes grupos de idade e “con deseño único e novidoso, feito ex profeso para este espazo”.

En calquera caso, e para diminuír o risco de impacto por alteración de elementos e relacións que xa forman parte da memoria colectiva, procederase á reciclaxe urbana de diferentes elementos. É o caso da fonte de xogos de auga, cuxos vasos se van aproveitar para convertelos nun montículo para a zona de xogo. Desta maneira, a fonte convertirase nun elemento diferenciador, integrado no terreo, e que tamén servirá para xogar, pero conservando os elementos característicos do seu perímetro. A primeira fase, que comprende á zona máis próxima á Igrexa, incluirá a instalación de zonas de xogo cilíndrico e redes, areeiro, tobogáns, trampolín, túneles, medias olivas, semiesferas de caucho, pasos elevados, xogo trepa ou anel inclinado, entre outros.

Nunha fase posterior tamén se reciclará o palco da música, ao tempo que se reubican as esculturas e o monolito conmemorativo no lugar de maior visibilidade. No que respecta ás árbores, e sempre contando coas proteccións necesarias, formarán parte dos xogos infantís, que se deseñaron de maneira única para este lugar.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín