O CONCELLO ABRE UNHA NOVA ORDE DE EXECUCIÓN PARA QUE A SAREB DOTE DAS CONDICIÓNS DE SEGURIDADE ADECUADAS UN INMOBLE INACABADO DA SÚA PROPIEDADE UBICADO NO SUE-4

O CONCELLO ABRE UNHA NOVA ORDE DE EXECUCIÓN PARA QUE A SAREB DOTE DAS CONDICIÓNS DE SEGURIDADE ADECUADAS UN INMOBLE INACABADO DA SÚA PROPIEDADE  UBICADO NO SUE-4
Martes 12 de Febreiro de 2019 - González Casares puxe de relevo o esforzo do Goberno para activar as medidas necesarias para que se cumpra a lexislación e se conserven as condicións de seguridade e ornato dos edificios, evitando perigos para a cidadanía e loitando contra o deterioro urbanístico. No caso de incumprimento da orde, a administración municipal procederá á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, reiterables trimestralmente.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, informa de que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha nova orde de execución na que se ordena á Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria S.A (SAREB),a execución dos traballos necesarios coa finalidade de dotar a un inmoble inacabado da súa propiedade situado no SUE-4 (rúa Álvaro Cunqueiro), das condicións de seguridade e ornato das que carece. O concelleiro explica que a Inspección Municipal de Obras e Servizos deu parte da existencia dun edificio situado na rúa Álvaro Cunqueiro que quedou sen rematar a consecuencia da crise inmobiliaria e que na actualidade non reúne as condicións legais anteriormente citadas e no que ademais se detecta que se está producindo o acceso de persoas ao interior tras tirar unha porta metálica. Esta situación agrávase polo perigo existente para os viandantes debido ao mal estado da obra.

Deste xeito, notificouse da situación á entidade afectada no pasado mes de novembro, pero transcorrido o prazo considerado suficiente sen que se realizase ningunha das actuacións urxentes solicitadas, deuse inicio ao procedemento administrativo de orde de execución para que se leven a cabo, a costa dos propietarios, os traballos necesarios para dotar a edificación das condicións de seguridade e ornato das que carece. Unha vez aprobada esta resolución, os propietarios teñen un mes de prazo para realizar os traballos necesarios para dotar o edificio dos correspondentes requisitos legais. No caso de incumprimento da orde de execución, a administración municipal procederá á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, reiterables trimestralmente.

Nicolás González Casares manifestou que a existencia de edificios sen rematar en Lalín é significativa debido ás fortes efectos da burbulla inmobiliaria neste concello, o que provocou que moitos inmobles languidezan dende o comezo da crise. Estes edificios -sinalou- por falta de mantemento sofren as consecuencias do paso do tempo e están en continuo deterioro, de modo que se converten nun risco ao ser habituais os desprendementos de materiais construtivos que poden causarlle danos a cidadáns ou vehículos. O perigo aumenta debido á facilidade para acceder ao seu interior, ademais de que as fachadas inacabadas son un claro elemento antiestético que contribúe ao “feísmo” urbanístico. Deste modo, aclara o titular de Urbanismo, dende o Concello estamos como é a nosa responsabilidade- realizando un importante esforzo para activar as medidas necesarias para que se cumpra a lexislación e se conserven as condicións de seguridade, salubridade e ornato, evitando perigos para a cidadanía e loitando contra o deterioro urbanístico.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín