O CONCELLEO ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA NO POLÍGONO LALÍN 2000 QUE COMEZARÁN A PRÓXIMA SEMANA

O CONCELLEO ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA NO POLÍGONO LALÍN 2000 QUE COMEZARÁN A PRÓXIMA SEMANA
Martes 16 de Outubro de 2018 - Taboada y Ramos acometerá a actuación por 72.270 euros, tras presentar a oferta máis vantaxosa dentro do concurso aberto Francisco Vilariño fixo fincapé no importante esforzo realizado polo Goberno local para poder sacar adiante esta obra debido aos “apretados” prazos concedidos pola Xunta para certificar esta orde de subvencións. Cuíña salientou as xestións directas que realizou con Industria para facer realidade este importante proxecto. As obras foron pactadas co empresariado e servirán para reorganizar glorietas, arranxar beirarrúas e mellorar as sinalización. Trátase dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vén de adxudicarlle á empresa Taboada y Ramos o proxecto de actuacións de mellora no polígono Lalín 2000, financiado con cargo a unha achega da Xunta de Galicia para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”. Concretamente, as obras foron asignadas por un importe de 72.270,88 euros, a oferta máis vantaxosa dentro do procedemento de contratación aberto ao que concorreron 5 empresas. A intervención comezará a desenvolverse a semana que vén e deberá estar finalizada a día 15 de novembro, prazo máximo que concedeu a Xunta de Galicia a todos os Concellos para ter rematadas e certificadas as actuacións efectuadas con cargo a esta orde de axudas que ao Concello de Lalín se lle concedeu tras denegárselle en 2016 e 2017.

Precisamente, Francisco Vilariño, incidiu no importante esforzo que foi preciso realizar dende o Concello de Lalín tanto por parte do persoal técnico, como da Concellería, para poder sacar adiante estas importantes obras debido aos “apretados” prazos do goberno galego para tramitar e executar estas axudas. “Os tempos que ofreceu a Xunta para xestionar esta subvención foron irrisorios” -afirma o edil- “polo que tivemos que realizar un gran esforzo para non perder a subvención, xa que a obra debe estar rematada, certificada e pagada a mediados do mes que vén”. O Concello de Lalín mesmo se veu na obriga de solicitar unha prórroga sobre o prazo de certificación das actuacións que finalmente a Xunta lle concedeu a todos os municipios beneficiarios ampliando, non obstante, de xeito escaso esta marxe ata o próximo 15 de novembro. Nesta liña, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, sinalou as xestións directas que realizou coa Consellería de Industria en relación a ampliación de prazos e con outras cuestións, para sacar adiante con garantías este importante proxecto, dentro dos compromisos que ten adquiridos co tecido empresarial e que se demostran con este tipo de accións.

Francisco Vilariño lembrou que as actuacións que se van executar no parque empresarial foron pactadas co empresariado atendendo ás súas principais demandas e trasladadas a través da Asociación de Empresarios de Deza (AED). Os fondos investiranse na reordenación de varias isletas situadas no polígono, xa que o seu actual deseño dificulta o paso de camións de gran tonelaxe, que son incapaces de circular sen invadilas, motivo, ademais, polo que se atopan moi deterioradas. As glorietas serán substituídas por outros elementos que permitirían o paso de camións con comodidade e sen necesidade de realizar complexas maniobras. Por outro lado, realizaranse importantes traballos de reparación nas beirarrúas que se atopan en mal estado e mellorarase a sinalización en todo o recinto empresarial.

O responsable de Obras do Concello fixo fincapé na necesidade de acometer estas actuacións no Polígono Lalín 2000 “a través dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Vilariño insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños e así facilitar na medida do posible a actividade económica industrial no noso municipio”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín