O CENTRO DE XESTIÓN DO COÑECEMENTO ARQUEOLÓXICO DE LIÑARES ESTÁ XA TOTALMENTE EQUIPADO E LISTO PARA PODER COMEZAR A SÚA ACTIVIDADE COMO CENTRO DE TRABALLO REFERENTE NO ESTUDO DOS CASTROS

O CENTRO DE XESTIÓN DO COÑECEMENTO ARQUEOLÓXICO DE LIÑARES ESTÁ XA TOTALMENTE EQUIPADO E LISTO PARA PODER COMEZAR A SÚA ACTIVIDADE COMO CENTRO DE TRABALLO REFERENTE NO ESTUDO DOS CASTROS
Venres 13 de Marzo de 2015 - O alcalde de Lalín visitou in situ o equipamento realizado, en mobiliario, equipamento de laboratorio e material técnico, que quedou instalado nesta semana

O alcalde de Lalín, José Crespo, vén de visitar no Pazo de Liñares as dependencias nas que se asenta o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) para comprobar in situ a instalación de mobiliario de oficina para os despachos e sala de reunións, equipamento de laboratorio (equipos necesarios para realizar os traballos como microscopio, equipo termogravimétrico, escáner láser 3D, impresora 3D, grúa para mover pezas) e outro material técnico (reactivos químicos, materiais funxibles, probetas, tubos, guantes, bolsas, etc.).

Todos estes materiais xa quedaron entregados na súa totalidade esta semana e, deste xeito, o CXCA, que funcionará como unha extensión do Museo de Pontevedra, encargándose do proceso de catalogación e estudo dos numerosos restos castrexos e arqueolóxicos da provincia, está xa totalmente equipado, listo para poder iniciar a súa actividade como centro de traballo e estudo.

O importe total deste material subministrado para o CXCA, co que o laboratorio castrexo de Liñares queda ultimado, tanto nas súas dependencias como no material técnico e nas ferramentas de investigación necesarias, suma preto de 200 mil euros, desglosados do seguinte xeito: 22.153,89 euros para mobiliario; 45.291,53 euros para material de laboratorio e 128.231,43 euros para equipamento técnico.

Tamén nesta semana quedou xa entregada a obra á empresa Constructora San José que acometeu en Liñares o proxecto de acondicionamento das dependencias do Pazo para CXCA, de xeito que está todo o proceso rematado para poder iniciar a súa actividade como centro de traballo.

O CXCA ocupará 508 metros cadrados repartidos en planta baixa, entreplanta e edificio anexo dos fornos, con 4 áreas diferenciadas: administración e investigación (4 salas e 2 despachos), almacenaxe (1 sala), intervención (3 salas) e unha área expositiva (3 salas). Este proxecto do CXCA, enmarcado en DepoDeza e con financiamento de fondos FEDER complétase co Museo Virtual dos Castros, que tamén estará listo en breve.

O CXCA pretende converter a Lalín en referente do estudos dos castros, promovendo o estudo, catalogación e preservación da amplísima riqueza castrexa de Deza, provincia e mesmo de Galicia, ao tempo que fomentará a súa divulgación con visitas didácticas na que os visitantes poderán coñecer o traballo de investigación e os resultados dos mesmos a través da visualización dos restos xa procesados. Deste xeito posibilitarase a visita de escolares de Galicia e doutros puntos da península para coñecer a cultura castrexa, combinado como Museo Virtual dos Castro que funcionará no Castro Tecnolóxico.

Co CXCA avánzase na posta en valor do Pazo de Liñares, no que xa está funcionando o Museo Galego da Marioneta, único das súas características existentes en Galicia -con sede permanente neste BIC e cunha programación estable-, e co obxectivo de que Liñares se vaia asentando como un contedor multidisciplinar de primeiro orde de ámbito galego.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín