O ALCALDE LAMENTA QUE O PP SIGA A POÑER ATRANCOS Á NORMALIZACIÓN DO GALEGO

O ALCALDE LAMENTA QUE O PP SIGA A POÑER ATRANCOS Á NORMALIZACIÓN DO GALEGO
Sábado 29 de Agosto de 2015 - Cuíña afirma que apoiará calquera iniciativa na defensa dunha lingua que ten cada vez menos falantes. O rexedor acusa aos populares de manter unha actitude propia acomplexados.

O alcalde de Lalín volveu reiterar hoxe a súa aposta “firme, decidida e contundente pola normalización do idioma propio do noso país”. Rafael Cuíña lembrou que “eu evidentemente sempre me signifiquei por estar en primeira liña de combate na defensa da lingua galega e, no que de min dependa, o meu Goberno apoiará sempre calquera iniciativa na defensa dun idioma que é o idioma propio desta terra e que lamentablemente ten cada vez menos falantes”.

O alcalde respondía deste xeito ás críticas realizadas polo Partido Popular por apoiar no pasado pleno unha iniciativa dirixida a avanzar na normalización do galego. Cuíña lamenta que os populares teñan sempre “algunha reticencia cando está o idioma polo medio” e sostén que “é incomprensible desde todo punto de vista que se critique ao Goberno de Lalín por loitar pola conservación e promoción dun dos nosos grandes patrimonios culturais e sociais”.

Todo o contrario, por certo, do que leva facendo o Partido Popular dende hai anos, con medidas claramente lesivas para o galego e que están conducindo a unha perda constante de falantes”. “Non contentos con iso”, afirma o rexedor, “tamén lles molesta que os demais asumamos as nosas responsabilidades neste eido, o que demostra claramente que o PP mantén unha actitude propia de acomplexados con respecto ao idioma e que non forman parte dos bos e xenerosos deste país”.

Por último o alcalde, tamén lle recomenda á concelleira Eva Montoto, pola que sinte un gran respecto, que mida as súas intervencións porque “quen llas redacta xa meteu aos populares en demasiados problemas”. “Agora”, di Cuíña, “estase a aproveitar da súa condición de novata na corporación para deixala en evidencia ás primeiras de cambio, e ademais nun tema tan sensible como a situación do idioma galego”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín