Nota de Prensa O CONCELLO DE LALÍN ASINA O CONTRATO PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE HUMANIZACIÓN E URBANIZACIÓN PARCIAL DA AVENIDA XOSÉ CUÍÑA

Nota de Prensa O CONCELLO DE LALÍN ASINA O CONTRATO PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE  HUMANIZACIÓN E URBANIZACIÓN PARCIAL DA AVENIDA XOSÉ CUÍÑA
Luns 28 de Xaneiro de 2019 - Unha vez asinado este contrato a redacción do documento deberá estar concluída nun prazo de dous meses. O principal obxectivo da proposta é transformar un treito da circunvalación nunha avenida funcional tanto para o vehículo como para os peóns, co conseguinte incremento da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade e a mobilidade no ámbito de actuación.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, acompañado do tenente de alcalde, Nicolás González Casares, o secretario municipal, César López Arribas, xunto con Carlos Durán e Luís Fernández, da empresa ARCO Consultora Técnica y Proyectos, asinou esta mañá o contrato para a redacción do proxecto de execución da obra de urbanización parcial da avenida Xosé Cuíña. Trátase dunha actuación incluída nun dos obxectivos temáticos da estratexia Lalín Ssuma21, que contempla entre as súas actuacións concretas a creación de pasarelas verdes de continuidade para dar solución á actual fenda que existe entre o casco urbano e as zonas próximas.

Unha vez asinado este contrato a redacción do documento deberá estar concluída nun prazo de dous meses. Este tamén inclúe a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das obras. Foi adxudicado por un importe de 30 mil euros, 10 mil por debaixo do orzamento de licitación. Esta actuación enmárcase dentro da estratexia DUSI, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.

O principal obxectivo da proposta é transformar un treito da circunvalación nunha avenida de verdade, unha vía moi funcional tanto para o vehículo como para os peóns, co conseguinte incremento da seguridade viaria e a mellora da accesibilidade e a mobilidade no ámbito de actuación, que neste caso corresponde con ambas marxes da Avenida Xosé Cuíña entre a rotonda de Wily e o acceso ao centro comercial Pontiñas. Concretamente a proposta de ARCO resolve as circulacións peonís (con dúas beirarrúas de 4m), e as de vehículos, tanto a motorizada (con unha calzada dobre de dous carrís en cada sentido de 3,5m) como a de bicicletas (con un carril de dobre sentido e 3m). Contarase ademais cun carril de aparcamentos (de 2,20m, no que se alternan árbores), xunto con dúas franxas verdes (de 1,40m cada unha) para completar a sección da vía e delimitar os espazos.

A proposta promove o tráfico peonil, proporcionando suficientes pasos, cruces e accesos entre marxes e, polo tanto, enter as diferentes dotacións municipais ( como poden ser o Concello, o Lalín Arena ou paseo fluvial do Pontiñas), ao tempo que se asegura a circulación rodada entre áreas anexas á vía. De maneira específica, os pasos de peóns terán unha continuidade visual e predominante sobre a calzada, polo que empregarán o mesmo acabado que as beirarrúas, pero con adoquíns aptos para o tráfico rodado.

A elaboración do proxecto tamén deberá contar coa participación cidadá, de maneira que tamén se poidan integrar as súas propostas e necesidades no futuro deseño dese treito da avenida. Partindo desta base, asegura González Casares, conseguirase transformar Xosé Cuíña nunha avenida urbana humanizada, de calidade, con moita máis seguridade para condutores e peóns e que sexa un verdadeiro eixe de integración entre puntos estratéxicos da vila, como o Lalín Arena, o Concello, o Regueiriño, Donramiro ou o Pontiñas.

Á espera da redacción do proxecto, o custe desta actuación está calculado por técnicos municipais nuns 450.000 euros.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín