LARA RODRÍGUEZ PON O “LUSCO & FUSCO” COMO EXEMPLO DO ENRIQUECEMENTO CULTURAL QUE ESTÁ A VIVIR LALÍN COA A SÚA XESTIÓN COMO CONCELLEIRA

LARA RODRÍGUEZ PON O “LUSCO & FUSCO” COMO EXEMPLO DO ENRIQUECEMENTO CULTURAL QUE ESTÁ A VIVIR LALÍN  COA A SÚA XESTIÓN COMO CONCELLEIRA
Luns 27 de Agosto de 2018 - A responsable de Cultura salienta o paso dunha cultura espectáculo á unha cultura creativa e participativa na que teñen cabida propostas innovadoras e diferentes. Destaca o amplo abano de posibilidades dentro da programación cultural estival que van dende concertos de bandas a espectáculos de circo na rúa, teatro, cine e, tamén transgresións. O festival foi desenvolvido “con agarimo, intelixencia e bo gusto” e gozou dunha gran acollida, polo que se buscará darlle continuidade nos próximos anos.

O concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, fixo hoxe balance da primeira edición do evento “Lusco & Fusco: venres singulares en Lalín”, unha das principais apostas da concellería para este ano, que finalizou o pasado día 17 de agosto tras achegar á vila numerosos espectáculos de diversas disciplinas artísticas todas elas vertebradas por un eixo musical e caracterizadas pola súa forte compoñente innovadora. En palabras da edil, “este ciclo é o exemplo claro do cambio na maneira de ver a Cultura e a forma na que a cidadanía se relaciona con ela que se produciu en Lalín” baixo a súa xestión como concelleira desta área. Un cambio que nos últimos tres anos conseguiu tamén “inducir unha nova mentalidade e virar da cultura espectáculo á unha cultura creativa e participativa na que teñen cabida propostas innovadoras e diferentes”.

Así, Lara Rodríguez fixo unha valoración moi positiva do festival “porque conseguiu -tal e como nos propuxemos- insuflarlle á programación cultural municipal un sopro de aire fresco mediante propostas alternativas e rachando coas actividades ás que todas estabamos acostumadas”. Nesta liña a concelleira asegura que “mentres eu xestione a concellería esta vai ofrecer á cidadanía un amplo abano de posibilidades: dende concertos de bandas de música, a espectáculos de circo na rúa, teatro, cine e, tamén transgresións, pois na variedade está o gusto e no respecto pola variedade está a intelixencia”, afirma.

A titular de Cultura explica que todo o festival foi desenvolvido “con agarimo, intelixencia e bo gusto” algo que -apunta- “lle debemos a Urdime e ao seu equipo, que foi quen ideou e realizou este proxecto, polo que non podo facer outra cousa máis ca agradecerlles a oportunidade que nos brindou para poder levar a cabo esta magnífica proposta que, agardamos, poida continuar ano tras ano”.

Dende Urdime salientan a valoración positiva de veciños e veciñas ao remate de cada espectáculo e destacan que, para unha vila como Lalín, contra cunha programación alternativa como a de Lusco & Fusco supón tanto a creación de novos públicos como a motivación á creación de novas propostas.

O Lusco & Fusco ocupou un total de oito venres singulares nos que Lalín gozou de propostas orixinais e dunha calidade indiscutíbel, pois todos e cada un dos grupos son referentes da música e/ou da danza contemporánea como no caso de Pisando Ovos, por citar só un exemplo. Pero ademais o ciclo conxugou espectáculos que amosaron tanto valores locais como internacionais. Así, pois, o público tamén puido desfrutar de propostas como o último espectáculo do compositor lalinense Benxamín Otero, os instrumentos insólitos de Fetén Fetén, a poesía electrónica de Cinta Adhesiva, as músicas do mundo de Viana Couto, a multipercusión de Roberto Oliveira, os sons electrónicos de Mounqup e o rap de Malandrómeda conxugado co jazz performático de LAR Legido, que pecharon o festival cunha batalla musical que foi un luxo absoluto e unha marabilla para os sentidos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín