LALÍN PRESENTA O CARTEL DA LI FEIRA DO COCIDO, DESEÑADO POLA COOPERATIVA CESTOLA NA CACHOLA

LALÍN PRESENTA O CARTEL DA LI FEIRA DO COCIDO, DESEÑADO POLA COOPERATIVA CESTOLA NA CACHOLA
Luns 7 de Xaneiro de 2019 - Trátase dunha obra na que a muller xoga un papel fundamental e na que se pon de relevo o súa participación activa neste festexo. A figura feminina do cartel non está traballando, senón desfrutando da festa comendo un cocido, mentres sobre a súa cabeza sostén unha valiosa cesta na que aparecen múltiples detalles entre o fume que o autor, Miguel Peralta, deixa á interpretación para que cadaquén lle atope significado. O cartaz é un elemento fundamental dentro da celebración da Feira do Cocido, xa que se converte na súa principal carta de presentación e na súa imaxe.

A rúa Colón, a carón da estatua do porco, acolleu hoxe a presentación do cartel da LI Feira do Cocido de Lalín, que foi deseñado polo artista almeriense afincado en Galicia, Miguel Peralta, da cooperativa Cestola na Cachola. Este proxecto colectivo de autoemprego pasa así a formar parte da nómina de artistas -tanto locais como foráneos- que se encargaron de darlle a súa peculiar visión plástica e estética a un elemento fundamental dentro da celebración da Feira do Cocido, xa que se converte na súa carta de presentación e na súa imaxe en todos os actos, eventos e actividades organizadas arredor desta festa de interese turístico nacional. No centro do cartel aparece unha muller que non está traballando, senón desfrutando da festa, mentres sobre a súa cabeza sostén unha valiosa cesta. A muller está comendo un prato de cocido e, conectando prato e cesta, aparecen múltiples detalles entre o fume que o autor deixa á interpretación para que cadaquén lle atope significado.

Cestola na Cachola nace en 2013 e na mesma autoemprégase un equipo de 3 persoas: Xoana Almar, Miguel Peralta e Raquel Doallo. Unha das liñas de traballo da cooperativa está conectada á creación artística (pintura, ilustración e muralismo) e outra a proxectos sociais participativos (promoción do cooperativismo, facilitación grupal e investigación social no eido da cooperación internacional e a educación para o desenvolvemento). Tamén, nunha combinación de "o social co artístico", Cestola na Cachola desenvolve propostas como unha liña de moda ética e sostible, comercializando prendas de Comercio Xusto e ecolóxico con estampacións de debuxos propios. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña -xunto cos concelleiros Nicolás González Casares, Lara Rodríguez e Francisco Vilariño- presentou esta tarde a obra acompañado da representante lalinense de Cestola na Cachola, Raquel Doallo. Foi Doallo, precisamente, quen sinalou que se trata dunha obra moi visual que partiu das ideas e opinións dos tres membros do grupo, que está moi aberta á interpretación de cada cidadán e que xira sobre os detalles que a muller protagonista do cartel sostén sobre a súa cabeza e que tamén teñen que ver con diferentes cuestións relacionadas con Lalín e a súa sociedade (música, patrimonio natural, artístico, cultural...). Por parte do Goberno municipal explicouse que unha das premisas solicitadas para o cartel da 51 edición da Feira do Cocido foi a de que a muller tivese un papel destacado no mesmo, cuestión que se aprecia non só na figura principal, senón tamén nas cores violetas que predominan na composición ou no capitel sobre o que sostén a cesta e que ten que ver coas cariátides, figuras femininas esculpidas que en templos gregos teñen a función de soportar o entaboamento da edificación. A proposta tamén está chea de reflexións e é moi diferente á de anos anteriores, xa que está composta por moitos elementos e detalles. Trátase, en definitiva, para o Goberno municipal, dun cartel con moita arte, que é digno da Feira do Cocido de Lalín e de reivindicar o papel da muller na 51 edición deste festexo no que a muller xoga un papel activo e tan destacado.

Cestola na Cachola

CESTOLA NA CACHOLA é un proxecto colectivo de autoemprego constituído por tres persoas para traballar naquilo que máis lles gusta e onde aplican a súa formación. Dous dos membros da cooperativa -Xoana Almar e Miguel Peralta- fan murais, cadros e ilustracións. A terceira, Raquel Doallo, traballa e milita no eido da economía social e solidaria e o consumo consciente.

Con esta base, Cestola na Cachola constitúese como unha cooperativa: unha empresa de xestión democrática e compartida (unha persoa-un voto, con independencia do capital achegado). Tamén aposta polo traballo asociado, no que o seus membros se asocian para poñer en común as súas capacidades laborais. É ademais unha proposta que funciona sen ánimo de lucro: baixo a premisa de que "o salario non é lucro", defendenden poder obter un salario digno a través da comercialización dos seus produtos e servizos. Os prezos das prendas, ilustracións, etc, que se poden ver na súa tenda online están calculados para poder manter a estrutura da cooperativa (custes de materiais, persoal…) sen que ningunha socia/o se enriqueza a título particular. No caso de que na cooperativa se obteñan beneficios, estes non serán repartidos entre as persoas socias, senón que se destinarán a reforzar o proxecto.

Neste contexto, CESTOLA NA CACHOLA nace coa crenza de que o modelo económico convencional ten que mudar e que o cambio virá dunha sociedade consciente e organizada. Fronte ao individualismo, propoñen a unión e o traballo en rede. Neste proxecto, participa tamén Julio Brandido participa , como socio colaborador.

Xoana Almar e Miguel Peralta son a parte artística de CESTOLA NA CACHOLA: Xoana formouse como ilustradora, economista e antropóloga e Miguel estudou ilustración e o seu perfil vén marcado pola súa ampla experiencia na arte urbana (graffiti, muralismo). Traballan no eido da pintura desde 2008 facendo: cadros, murais, ilustracións de contos, carteis… Combinando a creación invididual coa conxunta.

Pola súa banda, Raquel Doallo é economista e nos últimos anos traballou en varios proxectos de acción social e sensibilización ambiental.

A historia dos carteis

Os primeiros carteis do cocido foron asinados por imprentas. Non é ata 1975 cando se empezan a facer os carteis asinados por artistas, e a Feira do Cocido ten a honra de que fose Laxeiro o que aceptase abrir as portas a esa iniciativa, facendo da arte unha boa maridaxe para o cocido. O artista promociona a Feira do Cocido e a Feira do Cocido promociona ao artista.

Seguiron a Laxeiro: Sucasas, Virxilio, Paío, Fortes, Alicia Alonso, Santiago Valdés, Aymerich, Moldes, Paco Lareo, Lamazares, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro, Xabier Arias, Nicolás, Álvaro Negro, Nicolás, Álvaro Negro, Moncho Borrajo, Fondevila, Macías, Quintana Martelo, Antón García Patiño, Jorge Castillo, Barreiro, Antón Pulido, Chelín, Vidal Souto, Pilar Taboada, Alexandro e, na última edición da Feira, Francisco López “Pichi”, Misha Bies Golas, e de novo o ano pasado, coindicindo coas vodas de ouro da Feira, Laxeiro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín