Lara Rodríguez explicou hoxe que a concellería de Cultura organizará por primeira vez durante o vindeiro verán o evento “Lusco & Fusco: venres singulares en Lalín”. “Trátase”, en palabras da edil, “dun proxecto anovador e moi ilusionante que ten como principal obxectivo achegar, divulgar e promover as novas tendencias artísticas entre toda a poboación de Lalín”.
En concreto, as propostas para as que está pensado este proxecto van dende a música á danza pasando pola poesía. Así, no “Lusco & Fusco” participarán grupos como Malandrómeda, Fetén Fetén ou Pisando Ovos, ademais doutros, “cuxas propostas e actuacións a bo seguro non pasarán desapercibidas”.
Tal e como explica a concelleira de Cultura, a iniciativa “Lusco & Fusco” vaise articular como “unha experiencia para os espectadores, incidindo de maneira especial na relación da arte co espazo e tamén co público”. Será, en definitiva, “un sopro de aire novo e moderno que tenderá unha nova ponte de convivencia coa cultura contemporánea”.
Lara Rodríguez explica que facendo relación ao subtítulo do programa,“Venres singulares”, o proxecto LUSCO & FUSCO presenta unha relación de propostas culturais, tamén “singulares”, que terán lugar nalgúns venres dos meses de xuño, xullo e agosto. Pero non só a proposta será diferente senón tamén o lugar onde se desenvolva. “Para iso”, prosegue a concelleira de Cultura, “cada unha das actuacións está pensada para un espazo concreto ao que se adaptará simbióticamente cada peza, facendo un bloque único que lucirá coa chegada do “Lusco & fusco”.
De maneira específica, cada proposta estará presentada por un artista de Lalín, que conversará durante uns 15 minutos co artista convidado, exercendo de anfitrión e dando a coñecer o sentido e motivo do que se vai ver. A continuación, coa caída do sol, coa chegada do “Lusco & Fusco”, chegarán sete venres singulares “que agardaremos con expectación”.
Para o desenvolvemento desta iniciativa, o Concello de Lalín vén de solicitar unha achega de case 18 mil euros con cargo á Liña 2 do Plan Concellos da Deputación provincial de Pontevedra.