LALÍN DIVERSO, UNHA INICIATIVA PARA DAR LUZ Á DISCAPACIDADE

LALÍN DIVERSO, UNHA INICIATIVA PARA DAR LUZ Á DISCAPACIDADE
Mércores 21 de Novembro de 2018 - González Casares puxo en valor esta iniciativa a prol da integración das persoas con diversidade funcional, destacando que non hai persoas con discapacidade, senón con capacidades diversas tal e como se amosará nunha xornada de diversión e sensibilización.

Onte presentouse no Concello a segunda edición da iniciativa Lalín Diverso, un proxecto sobre integración social conformado por varias actividades que se desenvolverá o día 30 de novembro na Praza de Joaquín Loriga e noutras ubicacións da vila. Na presentación do programa participaron o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, así como os representantes das entidades sociais que organizan esta iniciativa, Teresa Yolanda Fernández (Aranes), Álex Ferradás, (Working Wheels), Ángeles Baldonedo (Aspadeza) e Julia Enríquez (Afem Morea).

González Casares puxo en valor esta iniciativa a prol da integración das persoas con diversidade funcional, destacando que non hai persoas con discapacidade, senón con capacidades diversas tal e como se amosará nunha xornada de diversión e sensibilización. Ao mesmo tempo dou as grazas as asociacións organizadoras e a todas as persoas e entidades que colaboran por involucrarse e traballar por visualizar a diversidade e facer que Lalín sexa un exemplo neste eido.

O programa celebrarase a partir das 12.00 horas, cunha concentración na Praza da Igrexa a prol da diversidade que, no caso de chuvia, se trasladará ao vestíbulo do concello. A partir das 17.30 na carpa que se instalará na Praza de Loriga, terá lugar unha sesión de xogos cos clubs Atletismo Deza e Basquetdeza. Ás 18.15 masterclass con +Quedanza e unha hora despois, baile inclusivo con Aspadeza. As actividades continuarán coa sesión de contacontos a cargo de O Correo do Vento, e finalizarán coa lectura dun manifesto pola diversidade (20.30) e coa proxección do vídeo Lalín Diverso e o derribo sinmbólico do muro dos prexuízos ás 20.45 horas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín