LALÍN ACOLLERÁ EN NOVEMBRO O ENCONTRO 'RURAL IMAXINADO', QUE PRETENDE DAR RESPOSTA AOS RETOS DE FUTURO DO CAMPO GALEGO

LALÍN ACOLLERÁ EN NOVEMBRO O ENCONTRO 'RURAL IMAXINADO', QUE PRETENDE DAR RESPOSTA AOS RETOS DE FUTURO DO CAMPO GALEGO
Martes 29 de Septembro de 2015 - Rafael Cuíña destaca o enorme potencial económico do rural lalinense e aposta por aproveitar ideas para potenciar a súa recuperación. O encontro celebrarase con carácter gratuíto en Lalín o próximo 13 de novembro e actualmente está aberto o prazo para a presentación de relatorios.

Lalín acollerá o vindeiro 13 de novembro o encontro ‘Rural imaxinado. Do presente ao futuro porvir’, que ten como principal obxectivo tecer un espazo de discusión crítica que permita pensar alternativas que se están dando ou poden producirse no espazo rural para que este siga sendo un lugar cheo de vida. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto presentaron hoxe o programa do encontro nunha rolda de prensa na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia.

Durante a súa comparecencia, o rexedor agradeceu o interese da rede Revolta en escoller Lalín como lugar para a celebración desta iniciativa, o que, nas súas palabras demostra o gran peso que ten o rural na vida económica, social e histórica do “noso Concello”. Porén, Rafael Cuíña lembrou que a comarca do Deza sufriu un proceso de industrialización nos anos 90 que fixo que moita xente deixase o campo pola zona urbana. Coa chegada da crise económica estase vivindo “un proceso á inversa” que precisa de novas fórmulas que permitan asentar un modelo de acción sustentable no medio rural. Neste sentido Cuíña espera que este foro “sirva para que, incluso dende o ámbito da actuación municipal, poidamos aproveitar as posibles ideas que se vaian poñendo enriba da mesa para a recuperación do rural e a modernización da súa actividade”.

Este encontro está impulsado pola rede Revolta (Do Rural que foi ao Rural que vén: reVoltando a Terra. Pasado e futuro dunha Agricultura Sustentable) no que conflúen sete grupos de investigación que, en Galicia e dende ámbitos disciplinares diversos (economía ecolóxica, historia ambiental, enxeñaría rural e ordenación do territorio, ou economía agraria) estudan problemáticas actuais do medio rural e formulan propostas de futuro para o seu manexo sustentable. O encontro celebrarase con carácter gratuíto e actualmente está aberto o prazo para a presentación de relatorios.

Que estamos facendo dende o medio rural para responder aos retos do século XXI e como pode imaxinarse o futuro que está por vir? Os organizadores do encontro agardan que as respostas as estas dúas interrogantes permitan artellar o discurso sobre o que se vertebrarán estas xornadas. A iniciativa está aberta a “facedores de experiencias produtivas innovadoras, investigadores/as, activistas ou pensadores e interesados/as en xeral”.

As distintas mesas temáticas ás que se asociarán as presentacións están agrupadas en catro eixes: comunidade, outras economías, subxectividade e resiliencia / innovación. Para o envío de propostas de presentación, deberán dirixirse a rede.revolta@usc.es antes do 15 de outubro. Como se explicou na presentación celebrada na Facultade de Xeografía e Historia “valorarase moi positivamente o envío de propostas innovadoras”, ademais de que se aceptan diversos formatos de presentación, orais, vídeos, dinámicas, ...

Rede Revolta

A Rede Revolta ten como obxectivos aplicar colectivamente os coñecementos e experiencias que cada un dos grupos da rede teñen xerado e adquirido na súa traxectoria previa, “para que o deseño e manexo dos agroecosistemas actuais se faga seguindo principios, prácticas e racionalidades ecolóxicas”. Ademais, aspira a construír propostas de recuperación dos manexos sustentables do espazo rural para deter o seu deterioro demográfico, produtivo, social e cultural e potenciar a súa demostrada capacidade de resiliencia, así como contribuír á conversión de agroecosistemas convencionais e/ ou abandonados noutros sustentables.

Conforman esta rede os grupos da USC Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX), Laboratorio do Territorio; Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural; Ecosoagroc: Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social; Gespic: de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio; e XROFE: grupo de Xestión de Residuos Orgánicos, Festilización e Ecoloxía Agraria. Ademais tamén o conforman o grupo GIEEA, de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecolóxica da Universidade de Vigo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín