LALÍN ACOLLE O INICIO DA LOITA GANDEIRA POR UNS PREZOS DIGNOS PARA O LEITE

LALÍN ACOLLE O INICIO DA LOITA GANDEIRA POR UNS PREZOS DIGNOS PARA O LEITE
Xoves 2 de Xullo de 2015 - “Chegaremos a onde faga falta para defender os intereses dos gandeiros”, sinalou Rafael Cuíña. A entrada do concello de Lalín foi o escenario dunha concentración en defensa do sector á que asistiron unhas 200 persoas.

O concello de Lalín foi esta mañá o escenario do primeiro acto reivindicativo do sector lácteo galego, no que será unha serie de accións conxuntas na loita por un prezo digno para o leite e que culminará cunha mobilización o día 17 en Santiago de Compostela. As organizacións Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG), Asaja Galicia e as cooperativas e organizacións de produtores lácteos elixiron o Castro Tecnolóxico como espazo simbólico no que escenificar a unidade de acción en defensa dos gandeiros. Unha defensa que o novo goberno municipal de Lalín secunda de xeito “incondicional”, tal e como recordou hoxe o alcalde, Rafael Cuíña, na asemblea previa á concentración que tivo lugar na entrada da casa consistorial.

No acto -ao que ademais dos representantes sindicais, tamén asistiu o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e ediles de Agolada, Vila de Cruces e Rodeiro- o rexedor lalinense reiterou “o apoio máis absoluto ao sector como eixo económico e social fundamental para Lalín”. “Imos ir sempre da man dos gandeiros e chegaremos a onde faga falta para defender os vosos intereses”, díxolles Cuíña aos produtores lácteos presentes.

Así mesmo, cedeulles a casa do concello “para todo o que necesitedes” e denunciou o “vergoñento comportamento da Xunta, que non se fai eco da súa problemática”. Cuíña tamén fixo unha potente denuncia da actitude das distribuidoras, indicándolles “que en Lalín non imos quedar calados mentres esmagan aos gandeiros” e deixoulles claro que “se non cambian de postura, terán en nós un forte inimigo”.

Na mesma liña falou o rexedor de Silleda, Manuel Cuíña, que cualificou de “atropelo” a situación dos gandeiros e chamou á protesta para facerlle fronte á discriminación que os produtores galegos sofren con respecto aos doutras partes do Estado e de Europa. Os representantes de Vila de Cruces, Agolada e Rodeiro tamén mostraron a súa disposición a participar na defensa do sector.

Pola parte sindical, o secretario comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, agradeceu, en primeiro lugar, a resposta positiva do resto de organizacións e de concellos, por amparar aos gandeiros, poñendo o acento no concello de Lalín, “por estar dende o primeiro momento con todos nós”. Santalla cualificou de “insostible” a situación do prezo do leite, que se mantén na zona nunha media de 26 céntimos, e fixo un chamamento á loita “baixo o paraugas da unidade”. Neste senso insistiu na importancia da plataforma en defensa do sector que hoxe se creou en Lalín e apelou a “non dar nin un paso atrás” ata que se cubran os dereitos dos gandeiros e gandeiras.

Tras o acto asembleario, tivo lugar unha concentración na entrada do concello. Na reivindicación participaron unhas 200 persoas, entre elas, ademais de gandeiros, houbo comerciantes, empresarios, políticos ou banqueiros, que quixeron mostrar o seu respaldo ao sector. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, sostivo xunto con outros membros do goberno, representantes sindicais e persoal doutros concellos, unha pancarta co lema “o futuro do campo galego será o noso futuro”. Outro rótulo, suxeitado por gandeiros rezaba “detrás dunha explotación gandeira hai unha familia enteira”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín