INICIO DO PROGRAMA “ACTÍVATE” NA RESIDENCIA DAS DORES CUNHA ACHEGA MUNICIPAL DE 5.120 EUROS

INICIO DO PROGRAMA “ACTÍVATE” NA RESIDENCIA DAS DORES CUNHA ACHEGA MUNICIPAL DE 5.120 EUROS
Mércores 10 de Outubro de 2018 - Ten o obxectivo de prestar asesoramento e atención integral ás persoas con alzhéimer así como ás persoas coidadoras coa finalidade de favorecer o mantemento duns niveis aceptables de autonomías das persoas con esta enfermidade e aportar ferramentas aos familiares que convivan con elas para unha maior calidade de vida.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, participou en días pasados no inicio do programa “Actívate” que desenvolve Asociación para a Protección de Anciáns de Lalín e Comarca, co obxectivo de prestar asesoramento e atención integral ás persoas con alzhéimer así como ás persoas coidadoras coa finalidade de favorecer o mantemento duns niveis aceptables de autonomías das persoas con esta enfermidade e aportar ferramentas aos familiares que convivan con elas para unha maior calidade de vida. Este programa finánciase a través dunha achega do Concello de Lalín de 5.120 euros, que permite a participación de 20 persoas usuarias. Nicolás González Casares puxo de relevo a aposta pola atención ás persoas maiores que realiza o Goberno de Lalín a través de colaboracións como a presente, tendo en conta a gran cantidade de poboación anciá que rexistra o noso municipio e a súa contorna, polo que tamén agradeceu o enorme traballo que desenvolve a residencia Nosa Señora das Dores en beneficio deste colectivo. O tenente de alcalde valorou moi positivamente a posta en marcha deste programa, que inclúe a valoración física funcional e cognitiva das persoas usuarias e das coidadoras, así como a celebración de obradoiros de memoria e de actividade física, ademais de servizos de información e asesoramento.

Casares tamén fixo referencia no inicio do programa á relevancia que alcanza a enfermidade do alzhéimer na sociedade actual sendo un dos trastornos con maior incidencia na terceira idade e unha das enfermidades máis mortais. Porén, sinalou que este importante proxecto de colaboración busca como obxectivo final incentivar a información, o asesoramento, a socialización, as condicións físicas e cognitivas das persoas enfermas, así como aportar ferramentas aos familiares, para favorecer uns niveis aceptables de autonomía das persoas con este trastorno e das coidadoras.

Finalmente o titular de Benestar Social lembrou que o Goberno local se atopa en cifras récord de colaboración no ámbito dos servizos sociais e explicou que este proxecto de colaboración con APALC supón “unha nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín