HERMIDA RECOMÉNDALLE AO PP QUE DEIXE DE FACER O RIDÍCULO DEFENDENDO O PROXECTO DO PORCO LALAINO

HERMIDA RECOMÉNDALLE AO PP QUE DEIXE DE FACER O RIDÍCULO DEFENDENDO O PROXECTO DO PORCO LALAINO
Luns 31 de Agosto de 2015 - O concelleiro di que os populares deberían ter vergoña e pedir perdón por despilfarrar centos de miles de euros nunha iniciativa esperpéntica e que supuxo “un fracaso perfecto”. Hermida enmarca o proxecto do porco lalaino nos delirios de grandeza de Crespo a calquera custe.

O concelleiro de Gandería de Lalín, Xosé Manuel Hermida, aconséllalle aos membros do Partido Popular que deixen de facer o ridículo ante a opinión pública saíndo a defender un proxecto como o do porco lalaino. “Cando se comenten erros hai que admitilos, baixar a cabeza e pedir perdón”, afirma Hermida, “sobre todo hai que ter un pouco de vergoña despois de poñer en marcha unha iniciativa que converteu a Lalín en motivo de hilaridade en todo o país e que ademais nos custou a todos os lalinenses centos de miles de euros que ao final non serviron para nada”.

O concelleiro de Gandería defende así a decisión do Goberno municipal de non seguir prestando apoio nin impulsando esta iniciativa, que “evidentemente non está entre as prioridades que nos marcaron os nosos votantes nas pasadas eleccións e que se basean nunha clara aposta polas políticas sociais e de apoio ás necesidades básicas dos nosos veciños”. O proxecto do porco lalaino non cumpre esta premisa, evidentemente, xa que foi, en palabras de Hermida, “un máis dos moitos delirios de grandeza da última etapa de Crespo e que supuxeron un enorme despilfarro para as arcas municipais”.

Como exemplos pon a construción do novo concello ou do Lalín Arena, ou a posta en marcha da aula da UNED. Dentro desa fuxida cara adiante para tapar unha política baleira de contidos, Crespo “tamén quixo crear o porco perfecto, aínda que ao final só logrou o fracaso perfecto. Fíxoo, iso si, a conta dos cartos de todos os lalinenses e en contra da opinión maioritaria do sector que nunca viu a posible rendibilidade comercial dunha iniciativa que estaba condenada ao fracaso dende o primeiro momento”.

Agora”, conclúe Hermida, “hai un Goberno e un alcalde que miran polos cartos de todos, non como o anterior, que se despilfarraba os fondos públicos en auténticos fracasos”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín